O BNG demandará no pleno unha solución definitiva á precaria iluminación pública, e participación veciñal na Mesa contra a violencia de xénero

• As nacionalistas pedirán á corporación de Celanova que se pronuncie pola convocatoria dun pleno extraordinario na Mancomunidade diante das denuncias de trato de favor e outras irregularidades na selección de alumnos dun obradoiro de emprego.
    • Tamén demandarán un compromiso plenario para que se inste á Xunta de Galiza a incrementar os recursos destinados á Atención Primaria.

O BNG exixirá no pleno o compromiso firme do goberno local de Celanova para que se garanta “a correcta e suficiente iluminación pública en todas aquelas rúas e núcleos nos que a substitución das lámpadas rebaixou a calidade da iluminación provocando dificultades de mobilidade ás persoas e vehículos e sensación de inseguridade”, despois de que veciñanza das rúas do Areal e da Calleabaixo rexistrou 117 sinaturas no Concello con esta mesma demanda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Diante da desfeita ao intentar compensar a escasa potencia de luz das novas lámpadas LED con focos ou luminarias (e lámpadas) distintas ao conxunto xa instalado, as nacionalistas advirten que a iluminación debe manter “a coherencia nos elementos do dispositivo evitando degradar máis espazos urbanos e rurais”.

No pleno convocado para o próximo mércores, e no marco da celebración do 25-N, Leopoldo Rodríguez, portavoz municipal do BNG, defenderá outra iniciativa a respecto da necesidade de que a Xunta de Galiza incremente os recursos destinados a loitar contra a violencia de xénero, e na que ademais pedirá que se dea entrada os colectivos feministas e asociacións de mulleres na Mesa contra a violencia de xénero da Mancomunidade. As nacionalistas lembran que é a concelleira do PSdeG-PSOE, Teresa Barge, quen sostivo hai dous anos, e vén sostendo desde aquela, que non é preciso un organismo municipal específico. Mais en todo este tempo, coa Mesa da Mancomunidade inactiva até este pasado verán e coas asociacións aínda sen presenza no órgano, as políticas contra a violencia de xénero son “limitadas, inconstantes e triviais” no Concello de Celanova.

MÁIS ATENCIÓN PRIMARIA E PARTICIPACIÓN NO SISTEMA DE SAÚDE

Noutra iniciativa, o BNG instará á corporación municipal a demandar á Consellería de Sanidade o incremento “de maneira urxente do orzamento sanitario destinado a Atención Primaria”, até alcanzar o 25% do orzamento total da Sanidade Pública galega. Consideran as nacionalistas que a Atención Primaria padece “problemas estruturais desde hai moito tempo”, como son a precariedade laboral, a falta de inversión e o recoñecemento do seu papel básico dentro do sistema sanitario, e por iso recollen as demandas de SOS Sanidade Pública nun texto que se someterá a debate nos concellos do país con representación do BNG.

Dentro da mesma moción, as nacionalistas solicitan ademais que a corporación de Celanova inste á Consellería de Sanidade “a desenvolver os instrumentos de participación cidadán na sanidade tan necesarios para que a cidadanía exprese a súas necesidades e poder actuar con eficiencia sobre os determinantes da saúde”.

DENUNCIA DE TRATO DE FAVOR NA SELECCIÓN DE ALUMNOS DO OBRADOIRO DA MANCOMUNIDADE

O BNG, que xa denunciou en outubro as irregularidades no proceso de selección do obradoiro de emprego Ecoterras, organizado pola Mancomunidade Terra de Celanova, pedirá no pleno do mércores que o goberno municipal de Celanova se dirixa e inste á presidencia da Mancomunidade “a convocar de maneira urxente un pleno extraordinario e monográfico para tratar a cuestión das denuncias de trato de favor” nese proceso.

Ademais, exixirá que o goberno local “inste á Mancomunidade Terra de Celanova a explicar quen son as persoas responsábeis do deseño [do proceso de selección], e quen son as responsábeis da selección do tribunal e en base a que competencias dos membros do tribunal”. Tamén, pedirá que desde Celanova se reclame da Mancomunidade “unha resposta razoada e detallada a todas as reclamacións presentadas” e que se fagan públicas as reclamacións e as respostas.

Finalmente, as nacionalistas someterán á consideración do pleno a necesidade de demandar da Mancomunidade Terra de Celanova a posta en marcha dun grupo de traballo para o deseño dos procesos de selección do profesorado, técnicos e alumnado dos diferentes cursos e obradoiros que o ente mancomunado ofreza á cidadanía. Celanova, lembran desde o BNG, é o concello que máis cartos achega o orzamento da Mancomunidade, e o Alcalde ten a obriga de defender tamén nesa entidade os dereitos das súas veciñas e veciños.