O Psoe de Viana do Bolo insta ao goberno muncipal a que a biblioteca pública pase a levar o nome de Nemesio barxa

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo presenta unha moción para o seu debate no pleno municipal deste vindeiro xoves na que insta ao goberno municipal a dar un recoñecemento público ao recoñecido xurista, Nemesio Barxa Álvarez. Os socialistas propoñen que a biblioteca pública do municipio pase a chamarse “Biblioteca Pública de Viana Nemesio Barxa Álvarez”, alegando que é a biblioteca a que acolle a importante doazón feita polo xurista de máis de 7.000 volumes.

Publicidade

Dende o Grupo Municipal Socialista destacan a necesidade de “non soamente facerlle un agradecemento público ao noso veciño Nemesio Barxa polo xesto da doazón da súa biblioteca, senón plasmar dito agradecemento cun xesto que perdure ao longo dos anos para lembranza das xeracións vindeiras”. Os socialistas concordan en que hai moitas maneiras de homenaxealo como pode ser dedicarlle unha rúa, unha escultura ou un acto, pero consideran que a mellor maneira e “outorgándolle o seu nome a biblioteca pública”. No caso de aprobarse esta iniciativa no pleno, piden que se coloque unha placa co nome de Nemesio Barxa na parede da biblioteca, nun acto que conte coa presenza do homenaxeado.

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo lembra que no ano 2017, Nemesio Barxa doou de xeito “altruísta e sen condición algunha”, máis de 7.000 volumes da súa biblioteca persoal a biblioteca pública de Viana do Bolo. Unha acción que para os socialistas amosa “a preocupación de Nemesio pola cultura e o seu arraigo co concello que o veu nacer”. “Non é doado atopar un xesto de maior amor a un pobo que consideralo seu e non hai mellor maneira de amosalo que legar o seu tesouro literario amasado ao longo dunha vida”, afirman os socialistas, que sinalan que con esta moción “queremos facer o noso recoñecemento público a desinteresada doazón, así como aos constantes eloxios que ten dedicado Nemesio Barxa a nosa bisbarra”.

Nemesio Barxa Álvarez naceu en Caldesiños no ano 1935, os seus pais exercían de mestres na bisbarra de Viana do Bolo. Iniciou os seus estudos universitarios na universidade de Salamanca, onde cursou a licenciatura en dereito e desenvolveu a súa longa carreira profesional na cidade de Ourense, ocupando ademais diferentes e importantes cargos en institucións tanto a nivel estatal como europeo.

Preocupación pola dixitalización de Viana do Bolo

Os socialistas aproveitarán a sesión plenaria deste xoves para preguntarlle o alcalde, cales van a ser as medidas que se pensan adoptar por parte do Concello para que se cumpra co acordado en sesión plenaria, onde se aprobou por unanimidade que o Concello se unira a outros da bisbarra para contratar a dixitalización dos núcleos de poboación que carecían do servizo.

Dende o Grupo Municipal Socialista trasladan a súa “fonda preocupación” trala xuntanza convocada polo goberno municipal e a empresa adxudicataria de levar a telefonía e internet ás aldeas de Viana. Relatan que na mesma “atopámonos coa sorpresa de que os núcleos de poboación que carecen deste servizo, van a continuar na mesma situación, xa que a empresa adxudicataria manifesta que non van ter cobertura, entre outros núcleos, Ramilo, Cepedelo, Umoso, Quintela de Umoso, Sever ou Pradorramisquedo, é dicir, os que xa contaban con cobertura”.

Ante esta situación, os socialistas pídenlle ao goberno municipal que “se mova” e que “poña cartos no asunto”, xa que segundo relatan “ao alcalde e o seu equipo enchéselle a boca con proclamas de fixar poboación no rural, pero non son quen de levar ao rural os servizos máis básicos”. Dende o PSOE vianés tamén apuntan a que “non imos permitir que a veciñanza se sinta agraviada, xa que non merecen ser tratados como cidadáns de terceira”.