O Psdeg-Psoe indaga por qué o goberno de Baltar custodia e limpa un porche de 130.000 euros nas instalacións públicas da Deputación de Ourense

Os socialistas constataron como un turismo de luxo desta marca alemá, permaneceu estacionado hoxe nun dos patios do Pazo Provincial e como empregados provinciais fixeron tarefas de limpeza

Pedirán “explicacións detalladas” sobre un feitos que definen como “preocupantes” e “graves” no caso de ser un vehículo privado e “aínda máis graves e preocupantes se é un automóbil público oculto”

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE indagará e pedirá “explicacións detalladas” ao goberno de Manuel Baltar e aos seus socios –a tránsfuga Montse Lama e o partido de Jácome– na Deputación de Ourense, sobre a custodia e limpeza dun luxoso Porche Panamera valorado en 130.000 euros nas instalacións públicas da institución.

Os socialistas constataron como, durante a mañá de hoxe venres, un turismo de gran luxo desta marca alemá e de recente matriculación, permaneceu estacionado nun dos patios do Pazo Provincial, espazo onde habitualmente aparcan algúns dos vehículos oficiais afectados ao uso de autoridades e cargos electos. Ademais, durante o día de hoxe, empregados da Deputación tamén realizaron tarefas de limpeza exterior e interior deste automóbil.

No inventario que recolle o parque móbil provincial non figura ningún vehículo deste modelo e o goberno de Baltar, nos últimos meses, tampouco licitou concurso público algún para a súa adquisición.

A Deputación conta cun avultado parque móbil (en concreto máis dun cento de turismos e furgonetas, ademais doutros dous centos de vehículos pesados, maquinaria e técnicos) que, no caso dos vehículos destinados a autoridades e cargos electos, vén sendo utilizado de forma discrecional, sen que conste a existencia dun control que permita constatar un uso racional, eficiente e transparente, como xa denunciaron anteriormente os e as socialistas.

Por iso, desde o PSdeG-PSOE de Ourense pedirán “explicacións detalladas” sobre un feitos que definen como “preocupantes” e “graves” no caso de ser un vehículo de titularidade privada e “aínda máis graves e máis preocupantes se estamos ante un vehículo público que Baltar e os seus socios manteñen oculto”.