A neglixencia e o desinterese do Goberno Local fai que o Concello de Ourense teña que asumir a totalidade dos 1.416.912,44 euros da primeira anualidade da subvención de reforma da Praza de Abastos nº 1

IES CHAMOSO LAMAS

Os reiterados incumprimentos do concello e a falla de xustificación documental das certificacións de obra son o motivo

Así llo confirmou o Goberno Central ao BNG en resposta ás preguntas plantexadas polo deputado Néstor Rego no Congreso

HIPER MASIDE

O BNG no Concello de Ourense, a través do deputado Néstor Rego solicitou información ao Goberno Central relativa á subvención concedida no seu día con cargo ao 1,5 % Cultural para a reforma da Praza de Abastos nº 1 de Ourense xa que o Goberno encabezado por Jácome lonxe de ofrecer información, tenta ocultar os verdadeiros motivos de que esta parte da subvención, falamos de 1.416.912,44 euros, se perda, consecuencia do cal, o concello tería que asumir dita cantidade.

O Ministerio especifica na resposta dada aos nacionalistas que en cumprimento da Lei Xeral de Subvencións, é obrigatorio practicar unha liquidación da cantidade outorgada a cada beneficiario para que este preste a súa conformidade ou no seu caso presente as alegacións que estime oportunas.

O BNG especifica que o pasado 08 de febreiro, o Ministerio remite dita liquidación e que o Concello de Ourense remite o 04 de marzo as certificacións de obra desde marzo de 2020 a xaneiro de 2021 por un importe total de 949.324,85 euros IVE incluído. É neste punto onde o concello, segundo recolle a resposta do Ministerio, “non acompaña a xustificación de abono ao contratista mediante as correspondentes facturas, imprescindíbeis para a xustificación”.

Para o Grupo Municipal do BNG este feito é “dunha gran relevancia e amosa a desidia o desinterese e a inoperancia do Goberno Local que non é quen nin tan sequera de cumprir cos requisitos legalmente establecidos”.

O Ministerio afirma que á vista da documentación aportada e comprobado que non cumpría coas condicións que permitisen reconsiderar a proposta de liquidación e logo de ter pedido informe á Abogacía do Estado, esta determina de xeito “contundente” que o beneficiario incumpriu o disposto na resolución definitiva polo que é preciso o reintegro total da axuda.

Outro aspecto importante a ter en conta segundo o BNG, é o feito de que “o concello en ningún momento ao longo de todo este tempo cumpriu cos prazos legalmente establecidos no que a presentación de documentación se refire, chegando mesmo a incumprir os prazos das reiteradas prórrogas concedidas e as cales, pola propia Lei de subvencións xa non é posíbel ampliar”, á marxe de ser, argumenta o Ministerio “discriminatorio en relación a outros beneficiarios que si cumpren en tempo e forma”.

A última prórroga concedida para a xustificación do primeiro pago finalizou o 20 de outubro do 2020, se ben é certo que como consecuencia da COVID-19, dito prazo foi ampliado ate o 07 de xaneiro do 2021, data coa que o concello tampouco cumpriu.

Para o BNG, tanto o anterior goberno do PP en solitario como o actual PP – DO débenlle ao conxunto da cidadanía en xeral e ás praceiras e praceiros en particular “moitas explicacións”, ao tempo que afirman que “queda en evidencia a inoperancia, o desinterese, a falta de rigor e mesmo de respecto do actual Goberno Local”, un Goberno Local que segundo Luis Seara “deixa perder unha subvención millonaria”, que teremos que acometer íntegramente a cargo do orzamento do concello.

Ataques ás praceiras e praceiros

Para o BNG, a información facilitada polo Ministerio deixa en moi mal lugar ao anterior e ao actual Goberno e ao alcalde Gonzalo Pérez Jácome en particular, quen, reiteradamente acusa ás praceiras e praceiros de estarse beneficiando da cidade e de estar ocupando un espazo público sen aportar económicamente nada.

Para Luis Seara estas afirmacións “son unha auténtica falacia xa que as praceiras e praceiros tiveron que facer fronte no seu día a importantes desenbolsos económicos para poder reubicarse no emprazamento actual, ate o punto de que a día de hoxe, algúns deles seguen a pagar créditos pedidos naquel momento”.

Segundo Seara “non deixa de ser curioso que aquel que acusa aos demais de aproveitarse e lucrarse da cidade, sexa o mesmo que deixa perder máis dun millón de euros para Ourense “.

Os nacionalistas cargan tamén duramente contra o PP xa que “son cómplices e parte implicada en que se perda a subvención así como dos ataques constantes de Jácome ás praceiras e praceiros”.