O Centro Astronómico de Trevinca “é un novo proxecto estratéxico que se suma ás singularidades dos atractivos de Ourense”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Durante a visita inaugural ás instalacións, Manuel Baltar destacou que o proxecto “é unha realidade grazas á cooperación entre os gobernos local, provincial e autonómico e á aposta do alcalde da Veiga, que desde o primeiro momento tivo o apoio da Deputación, sendo todo un acerto” 

O centro, dixo, “convértese nun motivo máis para atraer turismo, pero tamén para facer un gran labor divulgativo, ofrecendo aos visitantes un excelente lugar para a observación do ceo a pouco máis de dúas horas da capital de España” 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirmou hoxe que o Centro Astronómico de Trevinca “é un novo proxecto estratéxico que se suma ás singularidades dos atractivos de Ourense, pois en España hai pouco máis dunha ducia de destinos Starlight, e está chamado a ser un referente en Galicia e no noroeste peninsular”. Manuel Baltar fixo estas declaracións durante a visita inaugural que realizou ás instalacións, que contaron coa colaboración económica da institución provincial, percorrido no que tamén participou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde da Veiga, Juan Anta Rodríguez, ademais do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e alcaldes da comarca. 

Desde Pena Trevinca, “o punto máis alto de Galicia que nos ofrece aos ourensáns unha ampla perspectiva do que está a suceder e prepararnos para o que ven, non para o que hai”, o presidente provincial subliñou que o Centro Astronómico é o resultado de dous factores. O primeiro, “a cooperación entre os gobernos local, provincial e autonómico”, e o segundo “a visión como unha das competencias e actitudes innatas en política, neste caso unha aposta do alcalde da Veiga que desde o primeiro momento tivo o apoio da Deputación, sendo todo un acerto”. 

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

As instalacións, engadiu, “convértense nun motivo máis para atraer turismo, pero tamén para facer un gran labor divulgativo, ofrecendo aos visitantes un excelente lugar para a observación do ceo a pouco máis de dúas horas da capital de España, como así vai ocorrer a partir do 21 de decembro”. Manuel Baltar foi máis aló e en clave histórica apuntou a relación do territorio co mundo da astronomía ao lembrar que foi “un ourensán de Xunqueira de Ambía, Benjamín Suárez Estévez, a persoa que deseñou a cámara fotográfica coa que se tomou a imaxe máis famosa da humanidade: a chegada do home á lúa”. 

O presidente provincial tamén agradeceu “a vocación” do director do Centro Astronómico, Óscar Blanco, por facer realidade unhas instalacións que o propio Blanco afirmou “están situadas no mellor lugar de Galicia para ver as estrelas e onde faremos ciencia en colaboración con outros observatorios de España e do mundo”. 

O alcalde da Veiga, pola súa banda, puxo en valor a colaboración que sempre atopou no goberno provincial e, nomeadamente, no presidente da Deputación, “xa que todos proxectos que dinamizaron A Veiga nos últimos anos non poderían se realidade sen a súa colaboración”. Un agradecemento que tamén fixo extensivo á Xunta de Galicia, “pola súa discriminación positiva”, e ao conxunto da veciñanza, o seu equipo de goberno e os traballadores municipais “que cren cada día no que facemos”. 

Observación, estudo científico e divulgación 

A construción do Centro Astronómico de Trevinca ten como punto de partida a inclusión do concello ourensán no grupo de Destinos Starlight, pasando a ser desde agosto de 2015 un dos quince lugares do mundo onde mellor se ven as estrelas. Esta certificación, concedida pola Fundación Starlight, recoñece precisamente a Pena Trevinca como un punto xeográfico perfecto para a observación astronómica pola case nula contaminación de luz no seu punto máis alto, ademais de cumprir con outros requisitos como a dispoñibilidade de aloxamento, medios de observación e persoal formado para interpretación astronómica. 

Localizado nun monte de man común de tres pobos (Valdín, Baños e Corzos), a unha altura de case 1.400 metros, as instalacións supuxeron un investimento de preto de 600.000 euros achegados pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. Entre as dúas dotacións conta con dúas cúpulas de observación, telescopio solar, un planetario, simulador de voo, unha exposición de materiais procedentes meteoritos e unha ampla variedade de material didáctico para unha das súas importantes funcións como é a divulgación. 

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------