Manuel Baltar aplaude a aposta polo rural da mocidade ourensá que puxo en marcha iniciativas empresariais nos seus concellos a través do proxecto “EmprendOU”

O presidente da Deputación de Ourense participou hoxe, en Expourense, nunha xornada de difusión deste programa que desenvolve o goberno provincial como medida para afrontar o reto demográfico a través de axudas de preto de 8.700 euros para que os mozos e mozas ourensáns poidan emprender en municipios de menor poboación 

Como consecuencia da Covid-19, a Deputación de Ourense decidiu ampliar a vixencia deste proxecto ata o ano 2022, “unha iniciativa que desde que a puxemos en marcha conseguiu dar vida a máis de 150 ilusións dos ourensáns do futuro que apostan polo rural, axudando a que fagan realidade as súas ideas de negocio e contribuíndo a fixar poboación e xerar riqueza e emprego nos municipios de menor poboación da nosa provincia”, salientou Manuel Baltar 

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta xornada de difusión do “EmprendOU” logrou reunir a máis de setenta protagonistas destas iniciativas empresariais e dar visibilidade ao seu traballo a través de 19 stands onde amosaban aos asistentes algúns dos negocios postos en marcha en diversos concellos da provincia 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, felicitou hoxe, aos máis de 150 mozos e mozas da provincia de Ourense que, a través do programa “EmprendOU” promovido pola Deputación, puxeron en marcha iniciativas empresariais en concellos de menor poboación da provincia e agradeceu o seu traballo porque amosan o compromiso da mocidade co noso rural. “Unha aposta sen a cal non poderían sobrevivir os municipios rurais da nosa provincia, porque nas vosas mans está o futuro. Por elo, a Deputación de Ourense sempre estará ao voso carón para apoiarvos a sacar adiante as vosas iniciativas que apostan non só polo rural, senón pola esencia do que somos, e que permite dotar a eses concellos de servizos que ao mellor non existían”, salientou Baltar na xornada de difusión do proxecto “EmprendOU”, en Expourense. 

Esta iniciativa conseguiu, desde a súa posta en marcha, “dar vida a máis de 150 ilusións dos ourensáns do futuro que apostan polo rural, axudándolles economicamente a que fagan realidade as súas ideas de negocio e contribuíndo a fixar poboación e xerar riqueza e emprego nos municipios de menor poboación da nosa provincia”, salientou Manuel Baltar. “Eu vivo nun concello rural, como rural é o 80% do territorio europeo, e quero lanzarlle unha mensaxe a esa mocidade que está no seu municipio, que teñen unha grandísima oportunidade para seguir crendo no territorio a través deste programa”, engadiu o presidente do goberno provincial. 

Esta xornada de difusión do proxecto logrou reunir a máis de setenta protagonistas destas iniciativas empresariais e permitiu dar visibilidade ao seu traballo a través dos 19 stands onde amosaban aos asistentes algúns dos negocios postos en marcha en diversos concellos da provincia. Con esta actividade, pretendemos “recoñecer o gran traballo que estades a facer nos vosos municipios e queremos aproveitar para amosar o éxito das vosas iniciativas para que outros mozos sigan o voso exemplo e emprendan os seus negocios no seu lugar de residencia”, explicou o presidente da Deputación de Ourense, quen agradeceu aos participantes que estiveran nesta xornada que nos permite “poñer voz e cara a estas iniciativas empresariais”. 

Durante a xornada, proxectouse un vídeo no que algúns dos mozos e mozas que forman parte deste proxecto contaron a súa propia experiencia e cómo o programa “EmprendOU” lles axudou a materializar as súas propostas empresariais. Esas testemuñas aseguraron que participar no programa lles axudara a crecer, a afrontar o medo dos comezos e a enfrontarse ao futuro facéndolle sentir que eran capaces de facelo. E, algún deles, salientou que non só se trata de apoio económico, senón tamén “a oportunidade de emprender dunha forma na que te sentes máis arroupado”.  

Este proxecto é “unha forma de ficar no noso territorio e de pensar a longo prazo nun proxecto de vida que estea ligado á nosa orixe”, dixo un dos emprendedores. Outro deles afirmou que cando marchou do seu concello foi consciente de que o seu futuro estaba no seu territorio porque era aí onde lle gustaba estar, afirmando que “teño dereito a imaxinar o meu futuro onde eu queira”. 

O programa “EmprendOU”, promovido pola Deputación de Ourense, facilita a creación de iniciativas empresariais dirixidas por mozas e mozos nos municipios rurais da provincia con menor poboación, concedéndolle axudas de ata 8.700 euros para que poidan poñer en marcha os seus proxectos. Como consecuencia da Covid-19, a Deputación de Ourense decidiu ampliar a vixencia do programa ata o ano 2022. 

O reto demográfico leva instalado na axenda pública desde hai anos sendo un problema común para toda a Unión Europea, por elo, desde a Deputación de Ourense “estivemos atentos ás axudas que puideran vehiculizarse a través de gobernos provinciais e puxemos en marcha este programa novidoso e pioneiro coa axuda do Fondo Social Europeo”, lembrou Baltar.  

“EmprendOU” foi o primeiro proxecto aprobado en España polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública no marco das políticas de emprego xuvenil do Fondo Social Europeo. Contén medidas de apoio para persoas de entre 16 e 30 anos que desexen crear o seu propio posto de traballo naquelas áreas rurais afectadas polo desafío demográfico, que inclúen 82 concellos da provincia. O programa, que conta cun orzamento de máis de 2 millóns de euros, inclúe unha liña de axudas de máis de 700 euros por cada mes de actividade, cun mínimo de 6 meses e un máximo de 12 meses, polo que a contía límite da axuda é de preto de 8.700 euros.