Gabriel Alén felicita ó CRA Amencer de Ribadavia polo primeiro premio de “Pilabot”

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, recibiu esta mañá á directora do Centro Rural Agrupado Amencer de Ribadavia a quen lle fixo entrega do diploma que recoñece ao gañador da última edición do concurso de recollida de pilas, acumuladores e baterías usadas entre colexios de Primaria e Secundaria de toda a Comunidade, cun ratio de recollida de 87 kg por alumno, sendo o segundo ano consecutivo que consigue este galardón. Isto reportoulles unha recompensa de 2.500 euros para empregar en material escolar e deportivo.

O delegado territorial explicou que a Xunta, coa colaboración e apoio dos xestores de pilas autorizados Ecopilas, ERP e Ecolec, impulsa un ano máis a campaña escolar Pilabot, unha iniciativa para promover a concienciación das novas xeracións sobre a reciclaxe

AVANTAR ACTIVIDADES

Tralos parabéns e as felicitacións, Gabriel Alén animou a todo o alumnado a manter esta liña de esforzo e concienciación en beneficio de preservar o medio natural e subliñou  que o obxectivo da que será a terceira convocatoria de Pilabot, será superar estas cifras, para o que animou aos centros educativos de toda a provincia a implicarse na campaña.

Cómpre lembrar que ata mañá, 10 de decembro, todos os colexios galegos interesados en participar nesta iniciativa poden inscribirse a través da páxina web de Pilabot.

A actividade central volverá ser o concurso escolar de reciclaxe de pilas, baterías e acumuladores de xeito que unha vez pechada a inscrición, repartiranse entre todos os participantes bidóns colectores e material informativo como paso previo ao arranque da recollida, que comezará oficialmente o 13 de xaneiro e se prolongará en cada centro durante un período de seis semanas.

Tras insistir nos excelentes resultados das dúas edicións anteriores de Pilabot, Gabriel Alén felicitou ao alumnado do CRA Amencer e ao do resto de colexios que se implicaron o curso pasado na campaña polo compromiso amosado coa reciclaxe de pilas, un dos residuos máis perigosos e contaminantes que se xeran nos fogares.

Neste sentido, o delegado territorial lembrou que a concienciación da sociedade galega no seu conxunto con respecto a este material e a necesidade de reciclalo vai en aumento, destacando que no período 2018-2020 a recollida deste tipo de residuos creceu un 60%.

“Sodes un exemplo a seguir e marcades tendencia”, declarou o delegado territorial, quen destacou que o ano pasado unha de cada cinco pilas recuperadas en Galicia foron achegadas polos 150 centros educativos que participaron en Pilabot. Unhas cifras “espectaculares” e que na súa opinión son un bo exemplo da efectividade deste tipo de campañas de concienciación sobre o impacto ambiental de determinado tipo de residuos.

Cómpre lembrar que, ademais do Centro Rural Agrupado Amencer de Ribadavia, no marco da segunda edición do concurso tamén resultaron galardoados o CEIP As Solanas da Guarda – primeiro premio na recollida total de pilas- o CEIP da Cruz, de Nigrán, —segundo premio na categoría de recollida total de pilas e  o CEIP de Caión, na Laracha, —que quedou en segundo lugar na ratio de recollida—.

Reciclar ten premio

Os gañadores do terceiro concurso de reciclaxe de pilas Pilabot, que se prolongará ata o vindeiro 31 de marzo e durante o cal os centros participantes competirán entre si para acadar as mellores cifras de recollida, repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios: dous de 2.500 euros cada un para o centro que máis quilos recupere e para o que teña a mellor taxa de recollida por alumno, e outros dous de 1.250 euros para os segundos clasificados en cada unha destas categorías.

Os colexios que ao remate da competición resulten galardoados deberán destinar o diñeiro dos premios á compra de material escolar, deportivo ou á organización de actividades educativas co seu alumnado.

En todo caso, a campaña Pilabot tamén incluirá outro tipo de actividades, como charlas e talleres de sensibilización ambiental, material específico da iniciativa á disposición dos centros participantes e un certame artístico de carácter individual que baixo o lema #EuSonPilabot porá a proba a imaxinación e a creatividade dos escolares galegos.