Remata o ‘Campus Experience’ que impartiron na Uceira técnicos da Fundación Real Madrid

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O alcalde en funcións, José Castro-Gil, e o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, participaron esta mañá no acto de peche do Campus Experience da Fundación Real Madrid, celebrado durante toda a semana no campo de fútbol da Uceira. Un cento de nenos e nenas de 7 a 14 anos participaron na actividade, que se realizou por primeira vez en Galicia.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Castro-Gil puxo en valor este tipo de iniciativas, nas que “ademais de deporte, os nenos e nenas aprenden valores como o compañeirismo ou o traballo en equipo”. Ademais, quixo agradecer á Fundación Real Madrid a elección do Carballiño, así como á Deputación de Ourense pola súa colaboración.

A Deputación de Ourense, que subvencionou parte do custo das inscricións para facer a actividade máis accesible, reafirma así “o seu compromiso firme co fomento do deporte base e a extensión de programas educativos de excelencia”, salientou o asesor de Deportes da Deputación, Enrique Álvarez.

Durante o acto de entrega de diplomas, os participantes estiveron acompañados por adestradores e coordinadores da Fundación, así como por representantes das institucións colaboradoras, quen celebraron a consecución dos obxectivos dun campus que superou todas as expectativas na súa estrea en terras galegas. 

Enrique Álvarez valorou de forma moi positiva o desenvolvemento destas cinco xornadas de actividade e agradeceu a confianza tanto das familias como da propia Fundación Real Madrid. Destacando o impacto que tivo na provincia “para formar a mellores persoas, deportistas e dinamizar o rural ourensán, cunha oferta educativa e de calidade como esta”.

O programa compaxinou os adestramentos sobre o céspede coa aprendizaxe de fundamentos técnicos e tácticos, así como con obradoiros socioeducativos centrados na adquisición de hábitos de vida saudables, nutrición e habilidades de convivencia. 

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------