A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar as bases deste galardón que realiza un recoñecemento honorífico a aquelas persoas nacidas en Ourense ou que teñan unha especial vinculación coa provincia e que teñan destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais
Tamén foron mobilizados 268.389,99 euros en materia de cooperación, dos que 233.889,99 euros foron destinados a municipios e provincia e 34.500 euros a achegas para diferentes colectivos
Ourense, 30 de setembro de 2024.
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou na súa sesión desta mañá as bases do Premio Ourensanía 2024, coa finalidade de outorgarlles un recoñecemento honorífico a aquelas persoas, nacidas en Ourense ou cunha especial vinculación coa provincia, que teñan destacado ao longo do ano nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais. O xurado estará formado e presidido polo presidente provincial, Luis Menor; o secretario, Marcos Vázquez; e os vogais Eva Torres, Luis González Tosar, Miguel Anxo Fernández, Maribel Outeiriño, Manuel Guede, Patricia Torres, Afonso Vázquez-Monxardín e María Sol Nóvoa.
No que atinxe á cooperación provincial, a Xunta de Goberno destinará 268.389,99 euros a este fin, dos que diferentes municipios percibirán 233.889,99 euros e os 34.500 euros restantes destinaranse a achegas para diferentes colectivos.
Deste xeito, o Concello de Allariz percibirá 30.000 euros para o Festival de Xardíns; o Concello de Oímbra obterá 5.000 euros para dirección de proxectos; o Concello de Cenlle terá 37.900 euros para pavimentación do camiño de acceso a Cima de Vila, así como 22990 euros para un muro en Vilar de Rei. Para unha obra termal, o Concello de Cortegada recibirá 59.999,99 euros; o Concello de Pontedeva terá 13.000 euros para mellora do alpendre de Requeixo. No que atinxe ao Concello de San Amaro, destinaranse 42.000 euros para a recuperación e mellora do contorno da igrexa de San Fiz de Navío. Por último, o Concello de Sandiás percibirá 23.000 euros para proxectos e dirección de obra de viarios.
No tocante ás axudas a diferentes institucións e colectivos, a Universidade de Santiago recibirá 3.000 euros para o “Proxecto estímulo talento matemático Estalmat”. A Asociación Alcer Ourense obterá 10.000 euros para gastos de funcionamento da entidade e actividades, mentras que a Asociación Executivas de Galicia recibirá 11.500 euros para o programa “Xerando Redes”. Por último, á entidade Special Oympics Galicia concedéronselle 10.000 euros de axuda provincial para a organización do seu evento anual para persoas con diversidade funcional.