Villarino no Carballiño: “Paco Fumega honra ao Psdeg-Psoe de Ourense, e así deberá ser recoñecido e correspondido por este partido”,

O alcalde do Carballiño animou a Rafael R. Villarino a culminar o traballo comezado hai
catro anos, “para que o noso partido logre o goberno das 4 deputacións e as 7 cidades
galegas”

O candidato socialista á Secretaria Provincial do PSdeG-PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, asegurou hoxe que o actual alcalde da capital do Arenteiro
“é un referente do socialismo en Galicia, tal e como foi recoñecido co seu nomeamento no seo das secretarías xerais municipais da nova executiva do PSdeG, e as mulleres e homes socialistas de Ourense tamén debemos situar a Paco no lugar de honra que merece na nosa terra, sendo esta unha tarefa que me comprometo a cumprir se a nosa candidatura gaña o proceso interno que está a desenvolverse”.
Nun encontro coa militancia celebrado esta tarde nun céntrico restaurante do Carballiño, Villarino destacou “a importancia de convocatorias e actos coma este, nas que se sente o latexar da militancia, onde se poden compartir vivencias e inquedanzas para seguir a loitar polos dereitos e o benestar da veciñanza, sen máis distancia persoal que a necesaria para protexernos de contaxios pola COVID-19”.
Villarino lembrou que “nós temos metas claras e estratexias para acadalas, avaladas polo traballo e os resultados obtidos nos últimos catro anos, así como polo temor de Baltar e do Partido Popular a perder o bastón de mando provincial, polo que tratan de apartarme da vida política esixindo que renuncie a acta de concelleiro na capital, e ata inxeríndose na campaña das primarias socialistas con declaracións contrarias á miña persoa nos medios de comunicación”. “Está claro que Baltar non me quere de candidato socialista”, concluíu.
Asemade, o candidato á secretaria provincial do partido referiuse á situación da cidade de Ourense, sinalando que “ao desastroso goberno do PP durante o pasado mandato, súmase agora o pacto letal de Jácome con Baltar, criticándose mutuamente e poñendo en evidencia que o único que os une son os seus intereses egoístas, mentres arruínan o futuro da cidade e da provincia”, engadiu.
Pola súa banda, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, dirixiuse ao candidato socialista para recordarlle que “axudáchesnos a que Baltar perdese a maioría absoluta nas pasadas eleccións municipais e a ser a forza máis votada na capital, e axudarasnos, nas vindeiras eleccións, a acadar o obxectivo de gobernar nas 4 deputacións e nas 7 cidades galegas. Só falta Ourense, pero lograrémolo contigo en menos de ano e medio. Será un fito histórico”, asegurou.

AVANTAR ACTIVIDADES

Fumega rematou agradecendo a “loita e o traballo realizado por Rafa durante estes catro anos, en condicións moi difíciles, e estando sempre aí, cada vez que o necesitamos”, e animou á militancia a votar, con ilusión, o vindeiro domingo 23 de xaneiro.