O Psdeg-Psoe denuncia a actitude “ditatorial” de Jácome e as súas continuas faltas de respecto e pídelle ao PP que dea un paso adiante e o aparte da cadeira de mando

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os socialistas argumentan que o acontecido hoxe “supera todos os límites” e afirman que os insultos e faltas de respecto “son algo inadmisible en democracia” e un “bochorno” para a cidadanía

Apuntan a que esta actuación obedece a unha “lóxica” e aos “escuros intereses” de Jácome para que os concelleiros do PSOE se ausentasen e non saíse adiante a modificación do chan da parcela do Pino

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a actitude “ditatorial” do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, no transcurso da sesión plenaria do Concello de , celebrada no día de hoxe, e que deu como consecuencia que o rexedor quedase só cos tres concelleiros de Democracia Ourensana, trala marcha do resto de forzas políticas ante os insultos, faltas de respecto e calumnias de Jácome. Os socialistas argumentan que “o vivido hoxe supera todos os límites, cun alcalde que dedicoulle ao voceiro do BNG todo tipo de insultos e descalificativos, algo que creemos que é inadmisible en democracia”.

Dende o Grupo Municipal Socialista afirman que no Concello de Ourense “estamos acostumados a plenos bochornosos, que nunca deberían ter lugar” e subliñan que o acontecido durante o debate da modificación puntual do PXOU de 1986, para o cambio do uso da parcela da antiga estación de autobuses, “amosa o carácter ditatorial dun alcalde que chamou as forzas do orde público para expulsar a unha persoa que só quería facer uso do seu dereito a réplica para non admitir todas as barbaridades que Jácome estaba soltando, nunha nova mostra da falta de educación da persoa que está ao fronte da alcaldía”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os socialistas afirman que Pérez Jácome “é unha persoa que non é exemplo, nin representa a Ourense”, motivo polo que lle piden ao Partido Popular, que o sustenta actualmente no poder, que “dea un paso adiante para apartar a esta persoa da cadeira da alcaldía e mude estes comportamentos xa”. Consideran que esta situación “chegou ao límite e ten que rematar xa”. Dende o PSdeG-PSOE de Ourense tamén queren amosar o “apoio pleno e absoluto ao voceiro do BNG, Luís Seara, e a todas as persoas que queren un Ourense limpo e sen faltas de respecto”.

Con respecto a suposta denuncia contra o voceiro nacionalista que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, fixo pública durante o pleno, os socialistas teñen “dúbidas” da orixe da mesma. “Se esta denuncia chega a mans de Jácome a través das dependencias municipais, estamos ante un caso moi serio, e se pola contra é algo outorgado polo propio denunciante habería que estudar as posibles consecuencias”.

Para o PSdeG-PSOE de Ourense esta actuación “fóra de lugar” obedece a unha “lóxica” e aos “escuros” intereses do rexedor, xa que tal e como apuntan “a intención de Jácome é que non saíra adiante a modificación do uso do chan para a construción da residencia de maiores do Pino”. Tal e como argumentan os socialistas, o alcalde “pretendía seguramente que os concelleiros do PSOE se ausentaran do pleno e non sacar adiante este punto da orde do día, cando o que queriamos todos os grupos é levar adiante esta infraestrutura tan necesaria para a veciñanza como para as persoas maiores e dependentes”.

O PSOE posibilita a construción da residencia de maiores do Pino

O PSdeG-PSOE de Ourense posibilita a construción da residencia de maiores do Pino, que executará a Fundación Amancio Ortega, despois de que a Xunta de Galicia escoitase as reivindicacións da veciñanza, que reclamaban unha zona verde e a construción dunha senda. Satisfeitas estas demandas veciñais, os socialistas votaron a favor do proxecto, desbloqueando a construción dunha infraestrutura “clave” e “necesaria” para a cidade. Os socialistas esgrimiron que “é o tempo dos acordos e non das diatribas”.

Durante a súa intervención, o voceiro do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, afirmou que os socialistas “fomos en todo momento da man da veciñanza”, apuntando que durante a presentación “a veciñanza amosábase leda de que tomaramos esta decisión, que ademais garante unha das súas reclamacións, que a parcela conte cunha zona verde”. Pese a todo o líder dos socialistas ourensáns afeoulle á Xunta de Galicia “non ter nas súas mans o proxecto ou o anteproxecto”, pero sinalou que “ao igual que os veciños e veciñas confiamos na palabra dada”.Rodríguez Villarino aproveitou tamén para destacar que “todos puxemos o mellor de nós” e resaltou que “ninguén está en contra desta residencia, posto que é unha infraestrutura necesaria e que tamén se construirá no resto de grandes cidades galegas”. O edil socialista tamén aproveitou para lembrar que “a palabra dada á veciñanza ten que respectarse” e salientou que “os informes xurídicos son favorables, pero ben é certo que nas conclusións destaca a falta dun anteproxecto”. Por último, o voceiro socialista reafirmouse en que a decisión “tomámola pola veciñanza, xa que no seu momento pediron que nos interesásemos por se a parcela ía contar cunha zona verde e unha vez confirmada a mesma, pedíronnos que nos unísemos, polo que ten que quedar claro que nos representamos á veciñanza, a ninguén máis”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------