O BNG amosa todo o seu apoio ao Grupo Municipal no Concello de Ourense e asegura que continuará traballando na alternativa que Ourense precisa

IES CHAMOSO LAMAS

Noa Presas: “a pesares dos lamentábeis comportamentos aos que Jácome xa nos ten acostumados, con insultos, inxurias e faltas constantes de respecto, non vai facer que o BNG deixe de traballar arreo na alternativa que este concello merece”

O BNG de Ourense amosou esta mañá todo o seu apoio e respaldo ao concelleiro Luis Seara e a concelleira Rhut Reza tralos últimos acontecementos acaecidos no pleno do concello e onde Jácome expulsou ao portavoz da formación nacionalista logo de insultalo gravemente.

O CAMPO DA FEIRA NON SE PECHA

Na rolda desta mañá participaron membros do Consello Local do BNG así como diversos cargos institucionais entre os que destacaban a deputada Noa Presas, quen actuou como voceira, o deputado Iago Tabarés, Bernardo Varela Deputado Provincial así como Marta Gómez, Secretaria Xeral de Galiza Nova entre outros.

Noa presas comezou a súa intervención amosando todo o apoio da organización á concelleira Rhut Reza e ao concelleiro Luis Seara tralos lamentables incidentes do pleno de onte.

Presas agradeceu igualmente “a todas as persoas que nas últimas horas teñen amosado o seu apoio e solidariedade ao BNG. Reiteramos o agradecemento ao resto de membros da corporación polas mostras de apoio recibidas aínda que ben é certo que nos gustaría que o PP, ademais de abandonar o pleno puxera fin a esta situación xa que está na súa man facelo”.

Desde o BNG quixeron trasladarlle á veciñanza de Ourense “que a pesares dos lamentábeis comportamentos aos que Jácome xa nos ten acostumados, con insultos, inxurias e faltas constantes de respecto, non vai facer que o BNG deixe de traballar arreo na alternativa que este concello merece”.

Nesa liña, Noa Presas asegurou que “Jácome está en tempo de desconto e nós queremos trasladarlle á veciñanza unha mensaxe de esperanza e de que esta situación ten data de caducidade”, ao que engadiu, “Jácome que viña a cambiar a política tradicional ourensá é o responsábel de que nada cambie e demostrouno mantendo a Baltar á fronte da Deputación”.

“O de onte no pleno non é un ataque contra nós, e de selo, é o de menos, o triste é que é unha máis das que leva feito este Goberno desde o inicio do mandato. Quen realmente sofre as consecuencias desta forma de actuar son as veciñas e os veciños de Ourense”.

Para a formación nacionalista “o importante non é que insulte ao noso portavoz senón que ao longo deste mandato se acabase coa UPO, se desmantelasen concellarías como pode ser Participación Cidadá, Xuventude ou Educación, pretenda desmantelar a oficina do PERI, que manteña o termalismo paralizado ou que se perdan fondos europeos, en definitiva, que teña a Ourense en coma”.

Agora ben, para o BNG o que demostra o acontecido “é que estamos atinando e iso é algo que pon nervioso a Jácome. Somos a alternativa para cambiar o destino deste concello e niso estámonos centrando”.

Por último, a deputada por Ourense no Pazo do Hórreo Noa Presas lanzou unha mensaxe de esperanza, “sabemos o que hai e queremos contar coa veciñanza de Ourense para reverter este mal soño e non gastar máis tempo con debates estériles”.

“Levamos meses traballando arreo nunha alternativa serie e rigorosa, no BNG temos proxecto de cidade e todos os nosos esforzos centraranse nos vindeiros meses en seguir mantendo contactos coa veciñanza e con tódolos sectores e ámbitos da sociedade tal e como levamos facendo desde o inicio do mandato para afortalar a alternativa que o Concello de Ourense precisa e que virá da man do BNG”.