O Psdeg-Psoe de Beade denuncia o peche da casa do concello sen previo aviso

O Psdeg-Psoe de Beade denuncia o peche da casa do concello sen previo aviso, nun novo episodio de “ausencia total” de transparencia do rexedor, Senén Pousa

Os socialistas critican que o consistorio permanece “totalmente pechado” en xornada laboral e unicamente se informou a través dun cartel na porta e sen aviso oficial nin á oposición, nin á veciñanza

AVANTAR ACTIVIDADES

Un peche que volve a repetirse un ano despois do que xa se levou a cabo o pasado ano, pero tal e como afirman os socialistas “desta vez polo menos colgaron un cartel para avisar á veciñanza”

Beade, 14 de febreiro de 2022. O PSdeG-PSOE de Beade denuncia un novo episodio de “ausencia total” de transparencia no municipio, tralo peche da casa consistorial sen previo aviso e sen informar debidamente á oposición e á veciñanza. Os socialistas critican que o consistorio permanece “totalmente pechado” en xornada laboral e unicamente se informou a través dun cartel na porta, de forma que moitos veciños e veciñas que tiñan que realizar xestións atopáronse coas portas pechadas sen previo aviso. O peche da casa do Concello mantense no día de hoxe, tras estar pechada tamén varios días da pasada semana.

Dende o Grupo Municipal Socialista explican que o peche “débese o aumento de casos de coronavirus nas últimas datas” e segundo afirman “hai varios positivos que afectan directamente á alcaldía, tal e como se informa no cartel da porta”, motivo polo que alcalde, Senén Pousa, decidiu pechar a casa do Concello “sen ningún tipo de comunicación oficial”. Os socialistas sinalan que ante unha circunstancia deste tipo “é de obrigado cumprimento illarse e tomar medidas, pero consideramos que se podería ter avisado á veciñanza e á oposición da situación para que non tiveran que ter constancia a través dun cartel na porta do Concello”.

Un peche que volve a repetirse un ano despois do que xa se levou a cabo o pasado ano, pero tal e como afirman os socialistas “desta vez polo menos colgaron un cartel para avisar á veciñanza, algo que non aconteceu en xaneiro do ano pasado”. Dende o PSdeG-PSOE de Beade consideran que o alcalde do Partido Popular, Senén Pousa, segue coa súa política de “ocultar á veciñanza e á oposición todo o que acontece a nivel municipal”, motivo polo que lle esixen “transparencia” e que “informe debidamente de todo o que acontece, como sucede en calquera outro concello da contorna”.

Para a concelleira socialista, Carmen Rama, a situación demostra a “falta total de interese do alcalde pola veciñanza” e afirma que “pode ser que haxa positivos por desgraza, pero non consideramos normal que non se informe do sucedido e que se peche a casa do concello sen previo aviso”. Para a edil do PSdeG-PSOE “non pode ser que o Concello peche as súas portas a cal e canto ante unha circunstancia deste tipo”, xa que tal e como apunta “poden buscarse solucións, solicitando o reforzo de persoal tanto á Xunta de Galicia como á Deputación de Ourense”.

Os socialistas esixen “explicacións e transparencia” ao rexedor e “máis cando se trata dun tema tan serio coma o coronavirus” e propóñenlle ao alcalde que solicite “axuda” a Deputación de Ourense para que aporte o persoal “que consideren necesario” e abrir de novo as portas da casa consistorial. Para Carmen Rara a situación “é grave porque senta un precedente que senón freamos e se o deixamos pasar, chegará un momento en que o concello abra cando o alcalde estea aburrido”. A concelleira socialista tamén subliña que “pecharon o concello como se fora a casa particular dun veciño de Beade e non é a casa particular de ningún veciño, o consistorio é a casa de todos”.