A Deputación abre este luns un centro loxístico para coordinar o envío de axuda humanitaria a Ucraína

No parque de maquinaria, no polígono de San Cibrao, a institución provincial reunirá o material recollido en colaboración co Concello de Ourense para, nos próximos días, realizar un primeiro envío en resposta á petición de axuda realizada desde a localidade polaca de Ladek-Zdroj, integrada na European Historic Thermal Towns Association (EHTTA), para atender aos refuxiados ucraínos que cruzan a fronteira polaca. 

Nunha carta remitida aos concellos, a Área de Benestar da Deputación informa da creación dun grupo de traballo técnico para agrupar toda a información sobre as iniciativas que se estean levando a cabo e coordinar e complementar a axuda 

AVANTAR ACTIVIDADES

Chandrexa de Queixa xa puso a disposición sete vivendas sociais para acoller a refuxiados, que se suman ás dúas vivendas ofrecidas polo Inorde na estación de Vilavella (A Mezquita) 

 A Deputación de Ourense porá en marcha este luns un centro loxístico no parque de maquinaria situado no polígono de San Cibrao das Viñas para a clasificación, almacenamento e envío de axuda humanitaria a Ucraína. Unha iniciativa da administración provincial coa que se pretende “coordinar e canalizar toda esta marea solidaria de concellos, entidades e cidadáns”, dixo a deputada de Igualdade e Reto Demográfico, Luz Doporto, durante a visita que realizou esta mañá ás instalacións do pavillón de deportes Paco Paz, onde a Deputación habilitou un punto de recollida de material. 

Luz Doporto insistiu na necesidade de centralizar toda a axuda humanitaria para conseguir “unha resposta o mais eficaz posible”. Nesta liña, sinalou, a Deputación vén de remitir unha carta aos 92 concellos da provincia informando da constitución, a través da Área de Benestar, dun grupo de traballo técnico para a cooperación coas entidades locais, agrupando toda a información sobre as iniciativas que se estean levando a cabo para coordinar e complementar a axuda”. Así habilitouse un enderezo electrónico e un teléfono (ourenseconucrania@depourense.es – 988 317 772) para que “os concellos nos faciliten unha persoa de contacto que nos permita coñecer, dun xeito áxil, que poden ofrecer e enviar”.  

As primeiras respostas non se fixeron esperar informando o Concello de Chandrexa de Queixa da posta a disposición de sete vivendas sociais en Villa Celeiros para acoller a refuxiados, que se suman ás dúas vivendas ofrecidas polo Inorde na estación de Vilavella (A Mezquita). Con todo, Luz Doporto lembrou que “o que máis se está solicitando é o envío de mantas, roupa de abrigo, sacos de durmir, material sanitario, medicamentos, comida preparada para bebés, biberóns e cueiros”. 

A partir do luns, engadiu a deputada provincial, “demostraremos unha vez máis a capacidade organizativa da Deputación e do seu persoal” coa posta en marcha do centro loxístico no parque de maquinaria. Ademais da axuda que se reciba procedente de todo o territorio ourensán, ata este centro chegará tamén o material recollido nos puntos habilitados polo Concello de Ourense, que nos próximos días se espera enviar xa nun primeiro transporte de material en resposta á petición de axuda realizada desde a localidade polaca de Ladek-Zdroj, integrada na European Historic Thermal Towns Association (EHTTA), e onde o seu alcalde, Roman Kaczmarczyk, solicitou ao resto de integrantes da asociación o envío urxente de axuda humanitaria para atender aos refuxiados ucraínos que están cruzando a fronteira cara territorio polaco.