Gabriel Alén supervisa o remate das obras do Centro de Saúde de Vilamartín de Valdeorras

IES CHAMOSO LAMAS

 O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Enrique Álvarez, o centro de saúde de Vilamartín de Valdeorras para comprobar o remate das obras de mellora de envolventes e illamento do edificio nas que a Consellería de Sanidade investiu preto de 43.000 euros.

O delegado territorial subliñou que dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 96 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 2 obras que arestora están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

OZOCOgz Deseño Galego

En particular, na provincia de Ourense, -explicou Gabriel Alén- nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia, mentres que xa se iniciou as reforma de centro de saúde de Arnoia.

Para continuar con este esforzo, en outubro de 2021 o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que contempla 51 actuacións de construción ou reforma en centros de saúde de toda Galicia.

Na provincia de Ourense, este Plan recolle un novo Centro Integral de Saúde na cidade de Ourense cuxo proxecto construtivo vén de ser adxudicado e un novo centro de saúde en A Rúa cuxa redacción de proxecto está xa encomendada á Axencia Galega de Infraestruturas.

Por outra banda, na fase 1 do Plan contémplanse novos centros en Muíños, Boborás e O Carballiño mentres que na fase 2 proxéctanse a construción de novos centros en Allariz, Montederramo e o barrio de Mariñamansa na cidade de Ourense, así como a reforma do centro de saúde e PAC de Viana do Bolo.

A día de hoxe, fixéronse actuacións nos centros de saúde de Rairiz de Veiga (37.157 euros); O Bolo (24.494 euros); Amoeiro (14.689 euros); Castrelo de Miño (14.464 euros); Maside (48.398 euros) e Viladevós (10.656 euros). Están prorrogadas as obras do centro de saúde de Castro Caldelas (202.300 euros) e Beariz (122.967 euros). Un total de máis de 475.000 euros.

Nestes intres, tamén se remataron diversas obras menores en centros de saúde da provincia de Ourense por un importe de 300.000 euros. Deste xeito, no de Larouco (11.978 euros); Petín, Outomuro e Verea (35.899 euros); Parada do Sil (9.680 euros); Entrimo (22.554 euros); Carballeira (52.702 euros); A Ponte – Ourense (61.715 euros); CES – Ourense (39.910 euros); Vilamartín de Valdeorras (42.883 euros) e Allariz (22.600 euros).

Para iniciar eses proxectos e abordar a execución doutros xa en marcha,  a Xunta de Galicia conta nos Orzamentos para 2022 con 34,3 millóns de euros para investimentos en atención primaria, a segunda maior partida dos últimos 16 anos, só superada pola de 2021 na que se incorporaba unha partida de 20 millóns de fondo covid destinada a obras menores para axustar circuítos e espazos á pandemia.

Actuacións desenvolvidas no centro de Saúde de Vilamartín de Valdeorras

O delegado territorial explicou que co obxecto e obter unha importante mellora  da eficiencia enerxética da edificación actuouse sobre as carpinteiras exteriores e o lucernario, tamén se aproveitou para facer un repaso e limpeza de cuberta (fixado, selado e reposición de lousas deterioradas e limpeza de canelóns).

Gabriel Alén subliñou que que todas as actuacións foron planificadas e executadas para non interferir no deseño e estética orixinal do edificio; así, executouse unha folla illante na carpintería exterior e realizouse e instalouse unha subestrutura de aluminio independente no lucernario.

O delegado tamén adiantou que está prevista a Instalación de climatización mediante Aerotermia para substituír o actual e ineficiente sistema de calefacción eléctrico, e o cambio de iluminación convencional a tipo led.

Hospital Comarcal de Valdeorras

O delegado territorial aproveitou a súa presenza na comarca para destacar o investimento superior a 2 millóns de euros que a Consellería de Sanidade realiza na mellora dos equipos e as infraestruturas do Hospital Público Valdeorras. Deste xeito aludiu ás melloras que contemplan a ampliación do Hospital de Día Onco-Hematolóxico, as áreas de recuperación da Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria, a modernización das instalacións da Farmacia Hospitalaria e a próxima reactivación da reforma do área de consultas externas.

Gabriel Alén tamén se referiu á renovación do equipamento tecnolóxico, apartado este que inclúe a incorporación dun ecógrafo a Xinecoloxía e Cardioloxía, un equipo que evita desprazamentos dos pacientes oncolóxicos a Ourense. Ademais, recordou a adquisición de ecógrafos para Urxencias e Radiodiagnóstico, así como un tomógrafo e un biómetro, destinados a Oftalmoloxía.

Gabriel Alén lembrou recente licitación da Xunta da compra de camas, mesas e cadeiras de pacientes para renovar o mobiliario de todas as habitacións do Hospital Comarcal de Valdeorras. En total son 106 unidades de cada elemento. O orzamento é de 474.562 euros e de cara á adxudicación valoraranse criterios como a extensión da garantía, a inclusión de novas tecnoloxías (como a incorporación de peso de pacientes nas camas) ou a accesibilidade dos equipos e as facilidades para axustar osíxeno ou porta soros.