1.215 afiliados ourensáns están chamados mañá ás urnas no marco do proceso electoral do PP

IES CHAMOSO LAMAS

Os inscritos poderán depositar o seu voto entre as 09.00 e as 20.00 horas nos dez colexios electorais habilitados noutros tantos puntos da provincia

●     No caso dos compromisarios non será necesaria a elección, pois o número de representantes asignados ao PP ourensán, 69, correspóndese coa distribución nas xuntas locais da provincia

HIPER MASIDE

Os 1.215 afiliados ourensáns que se inscribiron para participar no proceso electoral do PP están chamados ás urnas mañá luns, 21 de marzo, para a elección do candidato á presidencia nacional do partido, para a que só se formalizou unha alternativa que encabeza o presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo. 

Os inscritos poderán depositar o seu voto entre as 09.00 e as 20.00 horas nos dez colexios electorais habilitados noutros tantos puntos da provincia: as sedes do partido en Allariz, A Bola, O Barco, O Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Ribadavia, Verín, Xinzo de Limia e a sede provincial situada en Ourense. A este último punto deberán acudir os afiliados das oito xuntas locais correspondentes aos municipios da contorna da cidade, onde ademais se instalarán outras nove urnas, é dicir, tantas como o número de distritos nos que se divide o concello da capital.

No caso dos compromisarios, finalmente non será necesaria a elección, pois logo de que o pasado mércores rematase o prazo de presentación de candidaturas, o número de representantes asignados ao PP ourensán polo Comité Organizador do Congreso, 69, correspóndese coa distribución establecida polo partido nas xuntas locais da provincia.

A comarca de Ourense terá a maior representación con 17 compromisarios (dez deles na capital), seguida das comarcas da Limia e Verín con 10; Terras de Celanova con 7; O Carballiño, 6; O Ribeiro, 5; e Allariz-Maceda, Baixa Limia, Terras de Castro Caldelas e Trives con 3 cada unha delas.