Rhut Reza: “unha vez máis a reunión para avanzar na Ordenaza de terrazas e veladores resultou estéril ao non abordarse ningunha das cuestións previstas”

Desde a formación nacionalista entenden que o borrador afástase cada día máis de ser unha Ordenanza que priorice a seguridade e a accesibilidade da veciñanza

Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense a reunión prevista para hoxe no salón de plenos da Casa do Concello para abordar o borrador da futura Ordenanza de terrazas e veladores resultou ser “moi decepcionante” segundo a concelleira Rhut Reza.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para Reza Álvarez “non entendemos como se pode convocar unha reunión para debater sobre unha serie de puntos concretos do borrador e logo non abordalos”, ao que engade, “a reunión resultou estéril pois o único que se fixo por parte de alcaldía foi anunciar o inicio do procedemento sen entrar a debater o borrador entragado hai 15 días aos distintos grupos”.

Segundo a concelleira nacionalista, “non é de recibo que diante dunha cuestión tan relevante para o conxunto da veciñanza como é a futura Ordenanza de terrazas e veladores, non se leve a cabo un debate amplo, profundo e sosegado entre todas as partes implicadas para tentar ter o mellor texto posíbel”.

“Dá a impresión  de que con estas reunións estériles o que se busca é ter a foto de que se debate e se dialoga cando a realidade é que o único que se pretende é tirar cara adiante sen importar a opinión dos demais”.

No tocante á ordenanza en sí, o BNG entende imprescindíbel a adecuación do texto á Lei de Accesibilidade, ao tempo, reclama que se cumpra a Ordenanza de tráfico e se sexa especialmente rigoroso naquelas zonas nas que a día de hoxe existen graves problemas de seguridade pola imposibilidade de acceso dos diferentes servizos de emerxencia, “algo que por desgraza vemos con bastante frecuencia en determinadas zonas da cidade. A seguridade da veciñanza é o primeiro”.

Outro aspecto importante para a formación nacionalista é que, tendo como ten, a Policía Local as competencias para a ocupación de vía pública, “no borrador actual elimínase a necesidade de que este corpo emita informes preceptivos e vinculantes tanto nas autorizacións coma nos diferentes cambios que nas mesmas se poidan producir”.

Por último, e segundo a concelleira Rhut Reza, “entendemos que a Ordenanza ten que ser igual para todas, sen deixar a porta aberta á discrecionalidade, neste caso, da Xunta de Goberno Local de turno”.