A Xunta investirá preto de 500.000€ na construcción dunha pista cuberta no IES Xesús Ferro Couselo de Ourense

  • O delegado territorial explicou que este contrato tramitarase polo procedemento aberto con tramitación urxente para interferir o mínimo posible no desenvolvemento da actividade docente e dispoñer das instalacións para o inicio do próximo curso 2022/2023
  • A través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica o Goberno galego prevé realizar me-dio millar de actuacións ata 2023, o que supón melloras en catro de cada dez centros escolares nos vindeiros tres anos

Ourense, 22 de abril de 2022.– O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá, ao IES  Xesús Ferro Couselo, para anunciar a licitación das obras de construción dunha pista cuberta conforme o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica na que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade investirá 492.390,94 € nun prazo  de execución de tres meses.

O delegado territorial explicou que este contrato tramitarase polo procedemento aberto con tramitación urxente debido a que as obras deberán iniciarse á maior brevidade para interferir o mínimo posible no desenvolvemento da actividade docente e dispoñer das instalacións para o inicio do próximo curso 2022/2023

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén incidiu na necesidade de ampliar a zona de uso exterior do IES Xesús Ferro Couselo de Ourense, creando unha pista cuberta con acceso tamén cuberto para un maior aproveitamento dos espazos exteriores do centro en todo tipo de condicións meteorolóxicas.

Para dar resposta a esta necesidade procederase á realización dun novo volume na zona máis baixa da parcela, onde actualmente existe unha vella pista de fútbol sen cubrir. Este volume constará dunha estrutura prefabricada de formigón, unha cuberta de paneis sandwich e un revestimento vertical de chapa galvanizada perforada, que resgarde pero ao mesmo tempo permita o paso da luz.

Gabriel Alén explicou que para permitir un acceso exterior cuberto á nova pista exterior, executarase unha pasarela sobre o chan existente que cubra mediante unha lousa de formigón armado o percorrido ata a pista.

Tamén lembrou o delegado o investimento de 95.000 euros en habilitar dúas novas aulas no curso pasado e que está a piques de rematar a redacción do proxecto de ampliación do centro, prevista para o vindeiro curso, no que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vai investir un importe aproximado de 1,6 M€.

Medio millar de actuacións

A través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica o Goberno galego prevé realizar me-dio millar de actuacións ata 2023, o que supón melloras en catro de cada dez centros escolares nos vindeiros tres anos.

Trátase dunha iniciativa pioneira que busca reforzar un novo modelo de colexios e insti-tutos na etapa poscovid, onde a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe.

Un dos seus eixes estruturais pasa por configurar nos centros espazos máis amplos e saudables, accesibles e inclusivos e dotados de mobiliario móbil e adaptado ás medidas de cada ciclo, abatible, amoreable e de fácil almacenamento.