Emigración e a Federación Venezolana de Galicia renovan o seu acordo de colaboración para manter as súas oficinas de información aos retornados

Publicidade ASPADISI

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegáronse ata a sede desta entidade na cidade olívica para asinar un acordo de colaboración

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinou hoxe un acordo de colaboración coa Federación Venezolana de Galicia (FEVEGA) a través do que a Xunta destina 50.000 euros para o mantemento das súas oficinas de información e asesoramento a galegos retornados. No acto estivo tamén presente a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

HIPER MASIDE

A colaboración con esta entidade posibilita a información a retornados así como a execución de actividades formativas de acollida, completando a acción das oficinas de asesoramento e seguimento da propia Secretaría Xeral da Emigración en Vigo, Lugo, A Coruña, Santiago e Ourense, e unha oficina itinerante que visita os distintos concellos de Galicia.

A Federación Venezolana de Galicia é unha agrupación de asociacións sen ánimo de lucro e de ámbito autonómico que naceu en 2009, co obxectivo de apoiar aos seus asociados nos seus ámbitos de actuación e desenvolver accións de atención aos emigrantes retornados no seu proceso de integración social, laboral e cultural en Galicia.

Ao longo do ano pasado, FEVEGA asesorou a máis de 2.000 galegos retornados e ás súas familias en diversas cuestións, tanto de xeito telemático como presencial.

A través deste convenio, FEVEGA comprométese a manter este labor de información e asesoramento, así como ofrecer un servizo integral e completo aos emigrantes retornados, prestar orientación e asesoramento xurídico se o necesitan, apoialos no cumprimento dos trámites necesarios nas súas relacións coas administración públicas, proporcionarlles apoio e acompañamento e facilitarlles toda a información que lles sexa requirida pola Comunidade Autónoma. Ademais, tamén debe ofrecer un servizo de información itinerante por toda Galicia.