O PsdeG denuncia a maioria política da Deputación ao votar en contras dun plan de axudas a guerra

Para “mellorar e enriquecer” o necesario plan, os e as socialistas retiraron a moción rexistrada e presentaron unha nova de urxencia, incluíndo  as propostas do PP, pero os conservadores votaron non

O PSOE votou en contra dunha modificación orzamentaria de 18 millóns, que definiu como “caciquil” e “escandalosa” porque “reparte a dedo millóns de euros” entre “amigos e amigas do presidente”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE denuncia que Manuel Baltar, o PP e os seus socios na Deputación de Ourense –Democracia Ourensana e a tránsfuga, Montse Lama– veñen de votar en contra  dun amplo plan de medidas de resposta ante a crise económica e social provocada pola invasión de Ucraína, ordenada por Vladimir Putin. “Este ataque inaudito contra a provincia, a súa veciñanza e contra todo o Estado executado polos conservadores é indignante pois, co seu sectarismo, están a pisotear ás persoas e empresas máis vulnerables e afectadas”, denuncia o PSOE.

Para “mellorar e enriquecer” a súa proposta, o PSdeG-PSOE decidiu retirar a moción inicial, rexistrada hai dúas semanas, na que se solicitaba a Deputación, Xunta e Goberno central unha batería de medidas para facer fronte á crise e presentar unha moción de urxencia “totalmente actualizada e ampliada” con máis medidas. Esta nova e necesaria iniciativa, incluía as propostas dos e das socialistas e tamén todos os acordos que o Partido Popular propuxo ao pleno, a través dunha emenda de substitución.

Ademais da batería de accións reclamadas aos gobernos central e autonómico nos ámbitos social, dos transportes ou do medio agrogandeiro, a proposta socialista reclamaba á institución provincial, entre outras medidas, axudas directas para o sector primario e do transporte ourensá por dous millóns, que poda ser ampliada en caso de necesidade, ou un plan enerxético dun millón de euros para axudar aos concellos da provincia, co fin de afrontar os desaxustes derivados do encarecemento de enerxía durante os últimos meses.

O voceiro, Rafa Villarino, dixo que esta proposta “melloraba notoriamente” a rexistrada anterior “para sumar e axudar a todos os ourensáns”, xa que incluía as propostas da emenda do PP. “Nós estamos aquí para sumar e non para apropiarnos de iniciativas doutras persoas ou formacións políticas, así que, se vostedes queren, esta será unha iniciativa conxunta”, proclamou. Sen embargo, Baltar, DO e a tránsfuga da corporación optaron por bloquear co seu voto o debate “dunhas medidas moi necesarias nun momento moi complicado, logo de dous anos de pandemia”, denuncian desde o PSOE, “tristemente sorprendidos” ante este “desleixo brutal” dos conservadores cos máis vulnerables.

Villarino asegurou que “cómpre actuar de maneira urxente a todos os niveis” e, para iso, ao igual que a UE e o Goberno de Pedro Sánchez “están a adoptar numerosos acordos para facer fronte á inestabilidade”, son “indispensables medidas nos ámbitos autonómicos e provincial, que son os máis próximos aos nosos veciños e veciñas”. “A súa postura é incomprensible”, dixo.

Modificación orzamentaria

No mesmo pleno, o PSdeG-PSOE votou en contra da modificación orzamentaria por importe de 18 millóns impulsada polo goberno provincial. Nacho Gómez denunciou como a “autoproclamada institución máis transparente” entregou a documentación “unhas horas antes da comisión na que se ía votar este asunto”, un “motivo dabondo para nin votala”, dixo o vicevoceiro socialista.

“Queren que lle aplaudamos por este documento infame?”, preguntou ironicamente ante unha proposta que definiu como “caciquil” e “escandalosa” porque “reparte a dedo millóns de euros” entre “amigos e amigas do presidente”, obviando “calquera criterio lóxico”.

Entre os exemplos de decisións “bochornosamente caciquís” desta modificación orzamentaria, Gómez destacou, entre outros, que recibe máis cartos o “gaiteiro da Catedral de Ourense” que concellos como Amoeiro ou Entrimo ou que “algunha asociación de dubidosa aportación para a provincia” recibe máis cartos que Vilardevós e Beade, gobernados polo PP. O vicevoceiro tamén destacou que “agarda” que os 8.000 euros distinados ao Concello de Maceda “non sexan” para pagar fotos con persoas refuxiadas procedentes de Ucraína, xa que outros municipios nin recibiron cartos nin fixeron propaganda con estas persoas.

Primeira cooperativa vitivinícola de Galicia

O PSdeG-PSOE tamén retirou a moción na que se instaba a declarar as instalacións da primeira cooperativa vitivinícola de Galicia, localizada en Leiro, como patrimonio industrial, co fin do seu mellor estudo e valoración, a petición dos propios cooperativistas. Os e as socialistas queren que esta histórica edificación inaugurada en 1952, pero que estende as súas orixes ata a pasada década dos anos trinta, teña os niveis de “protección, conservación e difusión” que garante a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.