A innovación e o deseño contan con plans de axuda da Xunta de Galicia abertos ata finais deste mes de maio

IES CHAMOSO LAMAS

> ‘Na base da competitividade empresarial está a innovación’ afirmou a directora de Gain na súa intervención

> Nos últimos 5 meses Gain levou a cabo xornadas en 32 localidades galegas, sobre todo do interior das catro provincias, asesorando in situ a máis de mil pemes

OZOCOgz Deseño Galego

>   A Xunta de Galicia e a CEO, a través de Conecta Ourense, colaboran para difundir estas liñas entre as pemes ourensanas

> Marisol Novoa, presidenta da CEO, lembrou que as oficinas de Conecta Ourense en Verín, O Barco e Ourense, continúan prestando asesoramento a todas as pemes despois das xornadas de presentación

As axudas que a Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia vén de publicar recentemente foron o obxectivo principal desta xornada híbrida, seguida por case un centenar de persoas entre as presentes na Casa da Cultura de Verín e as que se conectaron vía telemática.

Estas axudas, InnovaPeme e DeseñaPeme, están destinadas a impulsar a actividade das pequenas e medianas empresas galegas neses campos, a innovación e o deseño, e na presentación os técnicos de Gain afondaron nos seus beneficios, particularidades, as valoracións e a forma de acceder a elas, así como as oportunidades que a innovación ofrece ás empresas e como realizar a súa implantación para resultar máis competitivas nos tempos actuais.

O alcalde da vila, Gerardo Seoane, foi o encargado, xunto coa directora de Gain, Patricia Argerey, de abrir o acto, mentres que Marisol Novoa, presidenta da CEO, ocupouse do peche da xornada. O alcalde de Verín na súa benvida destacou o interese da presentación e agradeceu á axencia a celebración da xornada en Verín. Pola súa banda, a directora de Gain agradeceu a colaboración da CEO para dinamizar as liñas de axuda e servizos que se ofrecen desde a axencia. Lembrou ademais que se está levando un ‘traballo intensivo nas provincias de Ourense e Lugo, para achegar estas axudas a pemes e micropemes  de todos os sectores, maduros, tradicionais, sexan tecnolóxicos ou non, porque a innovación non é só big data ou intelixencia artificial, senón unha forma distinta de organizar as empresas, vender os produtos e achegarse aos clientes, necesario no contexto actual para posicionar as empresas’ lembrou Patricia Argerey.

No peche do acto, Marisol Novoa recalcou que ‘innovación e deseño son partes da xestión empresarial que, a día de hoxe, resultan imprescindibles nas pemes’ e emprazou aos asistentes a seguir contando ‘co asesoramento sobre axudas e proxectos a través das oficinas de Conecta Ourense, en Verín, O Barco e Ourense, que facilitan información e asesoramento  coa principal finalidade de detectar, localizar e desenvolver o potencial das empresas para orientalas no seu camiño cara a innovación, internacionalización e sustentabilidade, características irrenunciables das empresas deste século’.

InnovaPeme e DeseñaPeme, axudas para a innovación e o deseño nas pemes 

Por parte de Gain, Patricia Fernández e Patricia López, directora da área de servizos e técnica da axencia, foron as responsables de explicar estas axudas publicadas recentemente. InnovaPeme é unha liña histórica da axencia para sistematizar a innovación nas empresas que queren que esta teña cada vez máis relevancia na súa estratexia e engloba plans de innovación para mellorar a capacidade innovadora de micropemes e pemes; mentres que DeseñaPeme é unha liña de axudas para impulsar a incorporación do deseño estratéxico e dar resposta ás necesidades dos clientes, en definitiva, a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade nas empresas galegas mediante a incorporación do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas e identidade corporativa.

En primeiro lugar, Patricia Fernández explicou as axudas de InnovaPeme, os plans de innovación para mellorar a capacidade innovadora de micropemes e pemes, que foron tamén analizados polo miúdo na xornada nun repaso polo mapa de apoios á innovación, que contempla orzamentos entre 80.000 e 200.000 euros dos que cubre o 50%  do orzamentos elixible e que pode ser solicitada ata o 18 de maio deste ano.  A continuación entrou na descrición e obxectivos da axuda, que de xeito xenérico son os plans integrais que permiten ás pemes mellorar a súa capacidade de levar a cabo proxectos de innovación e trasladar ao mercado novos produtos e servizos. En canto aos custos subvencionables da axuda destacou dous grupos: as actividades de innovación que se dividen en 3 puntos: activos inmateriais ou certificacións, os servizos de asesoramento e de apoio; e por outra banda a innovación en materia de procesos e organización, nos que se engloban persoal, equipamento, licenzas, material e subcontratacións. Por outra banda, Patricia Fernández fixo tamén un repaso das actividades de innovación que recolle 15 modalidades, desde auditorías, estudos de viabilidade ou protección da propiedade industrial ata a creación de departamentos de I+D+i.  O contido das solicitudes e os criterios de valoración pecharon a presentación desta liña de axudas, así como das datas clave na presentación das solicitudes e a documentación necesaria para a tramitación.

DeseñaPeme comprende tres liñas dependendo de se o que se quere implantar é un deseño de produto, de servizos e experiencias ou ben de marca e identidade corporativa e abrangue orzamentos desde 10.000 a 200.000 euros, cunha intensidade máxima do 50% do orzamento subvencionable. Entre os conceptos subvencionables dentro desta axuda figuran no eido do persoal o de nova contratación, o propio ou a subcontratación de profesionais de deseño, e tamén contempla materiais, servizos externos e  equipamentos e licenzas de propiedade industrial.

Na explicación de DeseñaPeme, Patricia  López comentou tamén outros detalles como os criterios de avaliación para acceder a elas, que no caso do deseño de produto pasa por cuestións como a calidade técnica do proxecto de deseño en termos de innovación e de sustentabilidade, a capacidade técnica e financeira do proxecto, o impacto económico e social ou o impacto socio-laboral e de xeración de emprego. A presentación rematou con exemplos de casos de éxito no deseño en empresas do sector agroalimentario e de servizos. Estas axudas, que son a fondo perdido, poden presentarse telematicamente ata o 23 de maio.