Manuel Baltar preside unha xornada de Partenalia sobre a importancia do patrimonio monumental como eixo de crecemento

O presidente da Deputación abordará en León, como máximo responsable desta rede europea de gobernos intermedios, a necesidade de activar políticas públicas capaces de promocionar o patrimonio monumental á vez que garanten o seu máximo recoñecemento e visibilidade

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, encabezará mañá en León unha xornada de Partenalia sobre o patrimonio monumental que contará coa presenza de políticos de administracións públicas intermedias e expertos europeos en turismo. A reunión celebrarase no Museo Etnográfico Provincial de León e busca promover o patrimonio monumental que se atopa nos territorios dos membros de Partenalia, a rede europea de gobernos intermedios para a cooperación territorial presidida por Manuel Baltar. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar abrirá mañá a xornada ás 09,30 horas xunto ao presidente da Deputación de León, Eduardo Morán e o vicepresidente da Deputación de Valencia -e vicepresidente de Partenalia-, Carlos Bielsa. O presidente da Deputación de Ourense incidirá na súa intervención na importancia do turismo para o progreso dos territorios, a necesidade de políticas públicas de promoción e recoñecemento do patrimonio monumental ou a importancia do traballo en rede, como acreditan as organizacións europeas presididas por Manuel Baltar, Partenalia e a European Historic Termal Towns Association (EHTTA) así como a vicepresidencia da Confederación Europea de Poderes Locales Intermedios (CEPLI). 

Boas prácticas na promoción e xestión dos lugares turísticos

Na primeira parte da xornada intercambiaranse boas prácticas vencelladas á promoción e xestión de lugares turísticos e os seus monumentos históricos -especialmente os que se atopan en zonas rurais- nun contexto de pospandemia no que o turismo sitúase como unha ferramenta imprescindible de recuperación económica.

O coordinador de Partenalia, Nicolas Reynès, disertará sobre o “Patrimonio monumental: unha oportunidade de desenrolo do turismo de proximidade. Dentro dunha xornada que combina relatores presenciais e por videoconferencia intervirán, entre outros, o deputado de Cultura da Deputación de León, Pablo López; o presidente do distrito de Neamt (Rumanía), Ionel Arsene; o deputado provincial de Brabant-Wallon (Bélxica) Marc Bastin; o alcalde de Quart de Poblet e asesor de fondos europeos da Generalitat Valenciana, Bartolomé Nofuentes ou o presidente da provincia de Lucca (Italia), Luca Menesini. 

A segunda parte do programa xirará arredor da “Promoción e visibilidade do patrimonio monumental no ámbito rural”, e contará coa participación de expertos europeos no eido do turismo, a promoción do patrimonio monumental e o desenrolo rural. O programa da mañá completarase cun debate entre os participantes moderado por Nicolas Reynès e que xirará, entre outras cousas, arredor da necesidade de aumentar o poder de atracción dos turistas e como blindar o máximo recoñecemento institucional e visibilidade da riqueza patrimonial dos territorios europeos, fondamente integrados na identidade comunitaria.