A Xunta convocará este mes as axudas para mozos menores de 35 anos que compren a súa primeira vivenda nun concello de menos de 10.000 habitantes

Estes incentivos, que poden chegar aos 10.800 euros por inmoble, serán de aplicación en 257 municipios galegos, 14 deles pertencentes á área da Costa da Morte

Ángeles Vázquez anima a aproveitar ao máximo a “grande oportunidade” que suporá a trintena de programas previstos este ano para actuacións en materia residencial

AVANTAR ACTIVIDADES

Subliña que os particulares con inmobles en Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía, municipios incluídos na ARI dos Camiños de Santiago, teñen ata o 30 de setembro para solicitar axudas de como máximo 25.000 euros para rehabilitar as súas propiedades

A Xunta de Galicia convocará este mes de maio as axudas dirixidas a menores de 35 anos para a adquisición de vivendas en municipios de menos de 10.000 habitantes. Cun orzamento de, como mínimo, 1,5 millóns de euros, este novo programa permitirá que os mozos galegos poidan acceder a subvencións de ata 10.800 euros para mercar a súa primeira vivenda habitual.

Así o anunciou hoxe en Cabana de Bergantiños a conselleira en funcións de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun dos encontros informativos #ConstruíndoFogar organizados polo seu departamento e cos que seguirá percorrendo diferentes comarcas galegas para dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións en materia de vivenda que se convocarán ao longo de 2022.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e máis de 130 representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños dos 16 concellos que integran a área de Costa da Morte, Ángeles Vázquez subliñou a grande oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas que xestionará a Consellería este ano, poñendo á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 millóns de euros para actuar no eido residencial.

Por iso, a responsable autonómica aproveitou a súa intervención para animar aos asistentes a aproveitar estes fondos e apoiar tamén á Xunta na súa difusión, co fin de garantir que cheguen ao maior número posible de beneficiarios nesta comarca.

No caso concreto das axudas a persoas mozas para contribuír ao reto demográfico, explicou que resultan de especial interese para Galicia, unha comunidade na que, subliñou, 257 dos seus 313 concellos teñen menos de 10.000 veciños e onde, polo tanto, os menores de 35 anos poderán beneficiarse deste tipo de incentivos á hora de comprar a súa vivenda.

Tamén na Costa da Morte resultarán moi atractivas estas axudas entre os mozos que estean pensando en emanciparse. De feito, 14 dos 16 municipios que integran esta área — Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cee, Coristanco, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, Ponteceso, Vimianzo, Zas e Cerceda— cumpren co requisito de poboación esixido para poder beneficiarse do programa.

Neste sentido, cómpre lembrar que ao abeiro da convocatoria de 2021 das axudas para a adquisición de vivenda dirixidas a mozos, limitada neste caso a concellos de menos de 5.000 habitantes, houbo un total de 9 beneficiarios na Costa da Morte: tres que compraron a súa vivenda habitual en Fisterra; outros tres que o fixeron en Corcubión; dous máis en Muxía; e un no municipio de Laxe.

Concellos da área incluídos na ARI dos Camiños

Durante a súa intervención no foro, a conselleira en funcións animou aos asistentes a informarse sobre o amplo abano de incentivos no eido da vivenda ao que poderán optar en 2022 e contribuír deste xeito a dinamizar o mercado residencial desta área coruñesa.

Pola súa parte, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, fixo unha presentación detallada dos diferentes programas que xestionará este organismo, incidindo especialmente nos requisitos de acceso, os colectivos aos que van dirixidos, as contías e os prazos de presentación, no caso dos que xa foron publicados.

Así, no eido da rehabilitación e da mellora do patrimonio xa construído, a Xunta segue apostando por programas consolidados xa en Galicia e que teñen como fin tamén contribuír á recuperación de inmobles de uso residencial.

En concreto, Ángeles Vázquez referiuse á convocatoria das axudas para actuacións dentro da Área de rehabilitación dos Camiños de Santiago, que permanecerá aberta aínda ata o 30 de setembro e resulta de especial interese para a Costa da Morte, onde hai cinco municipios localizados dentro desta ARI.

Deste xeito, subliñou que os particulares que teñan inmobles en Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra ou Muxía poderán optar a unha axuda de ata 25.000 euros para acometer obras de rehabilitación sobre eles, unhas subvencións coas que, lembrou, tamén se mellora a imaxe que reciben os peregrinos ao seu paso por estas zonas.

Así mesmo, durante o encontro tamén se informou aos asistentes de que xa está dispoñible en formato dixital a guía informativa elaborada pola Xunta sobre os programas de axudas para rehabilitación enerxética no eido residencial, un documento que se pode descargar desde a páxina web do IGVS.