Manuel Baltar: “Para descentralizar e achegarse á cidadanía non hai nada que inventar, xa existen as deputacións”

O presidente do goberno provincial participou no Centro Cultural Marcos Valcárcel na apertura das Xornadas Internacionais sobre A orixe das deputacións provinciais no século XIX, organizadas con motivo da celebración do 200 aniversario da Deputación de Ourense, tal día como hoxe de 1822

“As deputacións xogaron un proverbial papel na configuración do Estado”, afirmou, ao tempo que reclamou “máis información e formación entre os representantes públicos e a cidadanía para que se coñeza a súa verdadeira importancia”

AVANTAR ACTIVIDADES

Expertos de 13 universidades nacionais e internacionais integrados nunha rede de historiadores do Dereito profundarán hoxe e mañá na historia das provincias que se crearon no chamado Trienio Liberal (1820-1823)

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel na apertura das Xornadas Internacionais sobre A orixe das deputacións provinciais no século XIX, organizadas no marco da celebración do 200 aniversario da constitución da Deputación de Ourense, tal como día como hoxe, 26 de maio, de 1822. Un acto no que defendeu a necesidade dunhas institucións plenamente vixentes e con moito futuro, destacando que “para descentralizar servizos e competencias e achegarse á cidadanía non hai nada que inventar: para iso xa existen as deputacións”.

Acompañado polo organizador do encontro, o profesor de Historia do Dereito e das Institucións da Universidade da Coruña, Eduardo Cebreiros, e da deputada de Cultura e Produción Audiovisual, Patricia Torres, mailo o comisario da exposición que se inaugurou ao mediodía, Carlos Quintairos, o presidente afirmou que “as deputacións xogaron un proverbial papel na configuración do Estado”, reclamando “máis información e formación entre os representantes públicos e a cidadanía para que se coñeza a súa verdadeira importancia”.

Unha valía que queda de manifesto, remarcou, na última Conferencia de Presidencias de Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos Insulares celebrada en Valencia. Un encontro que naceu en 2014 a iniciativa do propio Baltar e que alcanzou a quinta edición, “con representantes de todos os signos políticos, cando ninguén antes, nin desde partidos nin institucións, convocara aos representantes provinciais para falar de cuestións que vemos son comúns”.

Os gobernos provinciais “son básicos, como en Europa”, razón pola que defendeu o traballo en rede desde a presidencia da Asociación Europea de Gobernos Provinciais Intermedios (Partenalia), a vicepresidencia da Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios (CEPLI), ou a máxima responsabilidade na Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA). “Noutros países as deputacións teñen competencias más sólidas e potentes e, aínda máis importante: os seus presidentes e deputados son elixidos directamente pola cidadanía, algo fundamental para que a veciñanza se sinta partícipe destas institucións”. Si se descentralizan servizos e competencias “as deputacións teñen que merecer que a veciñanza se pronuncie e elixa aos seus representantes”.

Repaso á historia das provincias e das deputacións

Eduardo Cebreiros remarcou cun “feliz cumpleaños” o douscentos aniversario da data na que Pedro Boado Sánchez “instalou” a Deputación Provincial de Ourense, agradecendo “a outro presidente, Manuel Baltar, a súa sensibilidade para organizar esta celebración”. O obxectivo destas xornadas dixo, non é outro que destacar a relevancia do Trienio Liberal (1820-1823) e as reformas políticas e sociais da época, “analizando desde diversas perspectivas a historia das provincias que se crearon nesta época”.

Con esta finalidade achegouse a Ourense unha ampla representación de expertos pertencentes a 13 universidades nacionais e internacionais, “a maior parte deles integrados nunha rede de historiadores do Dereito que levan máis de vinte anos traballando no campo das deputacións”

Así, a profesora María López da Universidade de Vigo, e Emma Montano máis o propio Eduardo Cebreiros, da Universidade da Coruña, abordaron hoxe a organización territorial de Galicia e Ourense na historia. Sobre o pasado das deputacións limítrofes á comunidade galega falaron Félix Martínez da Universidade de Valladolid e Marta Friera, de Oviedo. As sesións do día remataron analizando o competencial, coa intervención de Manuel Estrada, da Universidade de Cantabria, e Eduardo Galván de Las Palmas de Gran Canaria.

As xornadas continuarán mañá venres cunha nova sesión sobre as competencias das deputacións, a cargo de Enrique Orduña, da Universidade Complutense de Madrid, José Antonio Pérez da Universidade Miguel Hernández de Elche, e Miguel Ángel Chamocho de Jaén.  Haberá tamén tempo para comparar a organización territorial en Europa, capítulo do que se encargarán Marco Fioravanti, da Universidade Tor Vergata (Italia); Tiphaine Le Yoncourt, de Rennes (Francia); e José Subtil, da Universidade Autónoma de Lisboa.