Avanza o proceso de constitución da AECT “Raia Seca / Xurés-Gerês”

Cesar Fernández Gil (Vicepresidente 2º da Deputación Ourense) preside a xuntanza para a constitución da "AECT Raia Seca Xures-Geres"

A sala de xuntas do Pazo Provincial acolleu unha reunión de traballo coa presenza de once concellos ourensáns

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, resalta a importancia de definir obxectivos e liñas de traballo fundamentais desta Agrupación Europea, e pon como obxectivo tela constituída este ano

AVANTAR ACTIVIDADES

A sala de xuntas do Pazo Provincial acolleu esta mañá unha reunión de traballo para avanzar na constitución da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) “Raia Seca / Xurés-Gerés”. Na reunión, presidida polo vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, informouse sobre o procedemento e pasos necesarios para avanzar na posta en marcha desta AECT. 

O vicepresidente segundo da Deputación explicou que “imos de ter a primeira reunión cos concellos da provincia de Ourense para constituír esta AECT, entre os concellos lusos da Reserva da Biosfera Xurés-Gerês e a Raia Seca ourensá, concretamente os municipios pertencentes a esta reserva e, ademais, os que limitan coas cámaras lusas integrantes”. 

César Fernández resalta que, con esta reunión, avánzase na definición dos “obxectivos e as liñas de traballo fundamentais, e a partir de aí marcámonos como horizonte tela constituída antes de finais do 2022”. 

Na reunión estiveron a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas; o alcalde de Cualedro, Luciano Cuquejo; o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso; a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino; o alcalde de Padrenda, Manuel Pérez; o alcalde de Quintela de Leirado, José Antonio Pérez; o edil de Baltar José Antonio Feijóo; o edil de Lobeira Antonio Álvarez e a técnica de Calvos de Randín Cristina Salgado. O alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, non puido acudir por motivos de axenda.