O PsdeG de Ourense acusa ao goberno de PP e do de ser “irresponsables” e de levar a sesión plenaria unha mosificación orzamentaria que é unha “chapuza”

Os socialistas critican a ausencia de planificación, nunha modificación na que non se tivo en conta a opinión dos grupos e que ten un obxectivo “electoralista, despois de 3 anos desleixando a cidade”

Rafa Villarino cualificou de “farsa” a modificación orzamentaria e apuntou a que “este sainete ten fin e hoxe quedamos todos retratados e retratadas”, antes de afirmar que “a nosa posición é clara e quen a cambie, que o defenda onde proceda”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense apelou hoxe a “responsabilidade” e a “coherencia” durante o pleno extraordinario celebrado no Concello de Ourense para a aprobación de 18 lotes de modificacións de crédito. Os e as socialistas acusaron ao grupo de goberno formado polo Partido Popular e Jácome de ser “irresponsables” e de traer unha modificación orzamentaria que é unha “chapuza”, na que non se tivo en conta a opinión dos grupos, nin existiu unha planificación e cuxo único obxectivo, explican dende o PSOE ourensán “é vender a moto electoralista a un ano dos comicios e despois de máis de 3 anos desleixando a cidade”.

Dende o Grupo Municipal Socialista afeáronlle ao bigoberno da cidade non ter “sentido do deber”, xa que tal e como subliñaron “non hai proxecto de cidade, nin tampouco responsabilidade coa cidadanía de Ourense”. Os e as socialistas acusaron ao PP de seguir a “autodisciplina” do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome “obedecendo e aplaudindo todas as súas decisións, pase o que pase”. Neste senso, tamén criticaron a “incompetencia” e o “desorden” dos populares, aos que acusaron de “seguir como exemplo o narcisismo do alcalde, improvisando e sendo responsables e cómplices de todo o que acontece na cidade”.

O voceiro municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, que foi o encargado de argumentar a posición de voto dos socialistas nos diferentes lotes, destacou que “en case todos os informes, o interventor di que hai unha falla de información, que non existe memoria ou explicacións do gasto e atopamos auténticos erros de bulto”. O secretario provincial dos socialistas ourensáns cualificou de “farsa” a modificación orzamentaria e apuntou a que “este sainete ten fin, e hoxe quedamos todos retratados e retratadas”, antes de afirmar que “a nosa posición é clara e quen a cambie (en alusión ao BNG e o seu apoio a modificación), que o defenda onde proceda”.

Villarino criticou tamén que nun concello que aprobou en 2020 uns orzamentos “daquela maneira, inservibles, cunha partida total 500.000 euros menor aos anteriores e cun nivel de execución dos máis baixos da historia do Concello de Ourense, veñen agora cunha modificación de crédito na que non interesa a opinión dos veciños e veciñas e na que non se conta coa oposición”. O líder dos socialistas ourensáns tamén criticou o envío da documentación “tarde, mal e arrastro, cando recibimos os expedientes completos esta mesma mañá e falta un informe de fiscalización do interventor”.

O BNG branquea ao goberno muncipal

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense tamén amosaron a súa “total sorpresa” co cambio de postura do BNG, que decidiu “apoiar unha modificación orzamentaria, con numerosas eivas e informes contrarios do interventor”. Neste senso, o PSOE ourensán apelou á “coherencia” e afirmou que “quen está en política e non é coherente, acábao pagando”, sinalando, en referencia ao voceiro nacionalista, Luís Seara, que “hai xente que di que aprobar esta modificación é unha cuestión de fe e, sen embargo, apróbana e serán recompensados, pero non nas urnas porque a cidadanía hoxe deuse conta de que o único grupo coherente da oposición é o PSdeG-PSOE”.

Os socialistas criticaron a postura do BNG, e tamén de Ciudadanos, que votaron a favor dunhas modificacións “cando veñen acompañadas de argumentos en contra”. O voceiro do PSdeG-PSOE, Rafa Villarino, acusou tamén ao BNG de “branquear ao goberno municipal”, despois de que amosaran o seu voto a favor de varios lotes que “contan con informes desfavorables” e cualificou a postura dos nacionalistas como “indefendible”, afirmando que “queda claro que o PSOE é a única oposición seria e responsable que queda neste concello”.

Os socialistas apoian partidas clave e botan en falta investimentos

O PSdeG-PSOE de Ourense decidiu apoiar o lote 1P, que facía referencia ás obrigacións pendentes por parte do consistorio, a pesar do erro da conta que figura duplicada nos lotes 1 e 3 e con partidas diferentes. Tamén votaron favorablemente aos convenios de infraestruturas (lote 2P) e na partida de benestar social (4P), onde argumentaron que “son orzamentos necesarios, pero non estamos de acordo coa partida xa que é lamentable que só supoña o 2,87% do total da modificación”. Os socialistas tamén apoiaron a partida de urbanismo (7P), que contou co informe favorable do interventor e os gastos estaban xustificados e fixeron o propio coa partida do Consello Municipal de Deportes (15P), xa que “son compromisos adquiridos e instalacións necesarias”.

Os e as socialistas abstivéronse na partida relativa a servizos xerais (lote 3P), debido a que “hai unha partida repetida” e tamén mantiveron a súa abstención no relativo ao comercio (lote 9P), onde se amosaron especialmente duros coa praza de abastos “na que o bigoberno perdeu unha subvención que vainos costar aos ourensáns e ás ourensás 3,7 millóns das arcas públicas, polos incumprimentos e a incompetencia do PP”. No relativo a partida destinada ao Consello Municipal de Deportes para subvencións nominativas (lote 14P), o PSOE ourensán explicou que “non podemos votar en contra de partidas que están xustificadas e que deixarían tirados a moitos clubs que o precisan”, pero destacaron que o “mínimo que podían facer é ter falado cos grupos políticos, algo que neste concello non se estila, xa que hai varias subvencións non xustificadas”. No relativo aos lotes de infraestruturas (17P e 18 P), os socialistas coa súa abstención permiten que se desbloqueen obras, pero destacaron que “botamos en falta investimentos no casco antigo, un PMUS que non existe e obras de relevancia noutros puntos da cidade”.

No relativo aos votos en contra, a partida de medio ambiente (lote 5P) recibiu o voto en contra xa que segundo relataron os socialistas “hai 1,5 millóns de euros sen xustificar e falla a memoria do proxecto”. En artes e festexos (lote 6P), o voto en contra veu motivado por uns gastos reflexados de 850.000 euros para o auditorio, que segundo afirmaron “ninguén explicou e no que ademais non figura informe”. Na partida de seguridade cidadá (lote 8P), o voto foi contrario pola “escasa xustificación, a ausencia de memoria e porque hai unha partida de 910.000 euros que ninguén sabe a que se destina”.

A partida de termalismo (lote 10P), tampouco recibiu o apoio dos socialistas que argumentaron que “figuran 400.000 euros sen xustificar e supón só o 0.8% dos investimentos totais, o que supón unha cifra ridícula para un dos motores da nosa cidade”. No relativo a educación (lote 11P), os e as socialistas sinalan que “salvo o contrato de limpeza dos colexios, non hai maior información e destínanse 300.000 euros a academias privadas cos cartos que antes levaba a UPO”. No relativo a promoción económica (lote 12P), os socialistas amosáronse rotundamente en contra “xa que se destinan 550.000 euros a autobombo”, situación similar ao que acontece na partida de transportes (13P), “na que 150.000 euros van destinados a publicidade e propaganda”. Por último, o PSdeG-PSOE de Ourense tamén votou en contra da partida destinada a compra do Bamio (lote 16P), na que acusou ao PP de “non ser coherentes, por traer unha partida que vostedes mesmos van a votar en contra”. Cabe destacar que esta foi a única das partidas que non saíu adiante.