O Carballiño aproba un millón de euros en melloras no rural e proxectos comprometidos

A corporación do concello do Carballiño reuniuse hoxe en sesión plenaria, a correspondente ó mes de maio. Dentro dos puntos da orde do día, destaca a moción levada polo grupo de goberno, que consistirá nunha modificación de crédito de preto dun millón de euros que inclúe unha parte orzamentaria do superávit. Estará destinado a actuacións necesarias e tamén para proxectos comprometidos polo goberno ca cidadanía. Por exemplo, 200.000 euros irán destinados ó rural, e entre as rúas que se mellorarán estará o proxecto da apertura da rúa carreira.

Toda a oposición critica este gasto, alegando que non sería responsable deixar a caixa de aforro a case cero con algúns procedementos xudiciais que poderían traer pagos importantes e que investir o remanente en gasto corrente será algo que afecte a futuro.

AVANTAR ACTIVIDADES

En canto ó control da oposición, haberá unha moción do BNG relativa ó acondicionamento e apertura das piscinas municipais, nas que xa se está a traballar. A voceira reclama que as adxudicacións dos servizos aínda están sen facer.

Outra moción, neste caso de Espazo Común, é sobre o proxecto da rúa Ourense. O alcalde asegura que o goberno local e a Confederación está traballando na modificación do proxecto para adaptar algúns aspectos, e que superará o millón de euros con previsión de execución de finais de ano.

A outra moción deste grupo é relativa ó peche da aula de 3 anos do Campo da Feira, que recibiu o apoio unánime de toda a corporación. A oposición concordan en que a solución parte da base de fomentar o nacemento de novos nenos, a conciliación para as familias e unha oferta atractiva que remita esta problemática.

En canto ó Partido Popular, levou dúas mocións tamén. A primeira pide a creación dunha axenda cultural e deportiva, que non recibiu o apoio do grupo de goberno. A outra delas é fomentar os empadroamentos no concello cunha serie de medidas, aprobada por unanimidade e que será estudada polo equipo de goberno, analizando as propostas dos grupos.