A organización de ‘Arteficial’ valora o éxito acadado polas actividades na 20ª edición do festival

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O colectivo organizador de ‘Arteficial’ de Ribadavia salienta que este festival alternativo pechou a súa vixésima edición “cun dos seus mellores rexistros de afluencia, congregando a público de todas as idades procedente de Galicia, Portugal e outros puntos do país a pesar das altas temperaturas”.

Engaden que “o evento combinou con éxito obradoiros e actividades paralelas de aforamento completo, o tradicional pasarrúas e Mercado das Sementes na Madalena, e unha aposta musical caracterizada polas propostas emerxentes, locais e internacionais, culminando na emblemática Igrexa da Oliveira”. A Asociación Arteficial reafirma así o seu compromiso coa cultura aberta, diversa, sostible e arraigada no territorio rural.

Para a asociación, o Festival Arteficial pechou esta edición tras un fin de semana moi especial, cheo de emoción, reivindicación, música, cultura e patrimonio, no que o conxunto histórico de Ribadavia volveu ser o escenario dunha proposta cultural aberta, diversa e interxeracional. Consideran que queda patente que este tipo de proxectos, que dialogan co espazo no que teñen lugar,
que se fan tendo en conta á veciñanza, que conta con proveedores de cercanía e que traballan en ter un cartel no que a lingua, a igualdade, a solidariedade e o respecto polo entorno estén no centro é o camiño que elixen transitar.

Dende a asociación cultural Arteficial queren transmitir un agarimoso agradecemento á veciñanza, ás voluntarias e voluntarios, traballadores e traballadoras, comercio local e patrocinadores, a medios de comunicación, a proveedores, a participantes no Mercado das Sementes e ás institucións e colaboradores (Concello de Ribadavia, Museo Etnolóxico e Xunta de Galicia) por facer posible un fin de semana tan especial que celebra dúas décadas de dinamización cultural no rural.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------