Parte dende o parque de maquinaria da Deputación un novo camión con axuda humanitaria para Ucraína

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A deputada de Igualdade e Reto Demográfico, Luz Doporto, supervisou esta mañá no parque de maquinaria da Deputación a saída do camión

Este envío de material recollido por concellos de toda a provincia e a colaboración de varias entidades sociais realizouse a través da Asociación Galega de Axuda a Ucraína

Con este xa son catro os camións que saíron cara Polonia e Ucraína dende o centro loxístico instalado no parque de maquinaria, cada un deles cargados cunha media de 30 toneladas de material humanitario

A deputada de Igualdade e Reto Demográfico, Luz Doporto,  supervisou esta mañá no parque de maquinaria da Deputación de Ourense, situado no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, a saída dun novo envío de axuda humanitaria para Ucraína. Este envío realizouse en colaboración coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína, cuxa presidenta e secretario, Natalia Afónina e Antonio Corredoira, tamén estiveron presentes xunto á edil de Servizos Sociais do Concello de Ourense, Eugenia Díaz Abella, ademais de persoal da Deputación.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Luz Doporto destacou que  “son xa catro os camións que partiron do parque da maquinaria da Deputación dende o comezo do conflito bélico cara Polonia e Ucraína, cunha media de 30 toneladas cada un”. A deputada salientou especialmente que este envío “inclúe ademais de materiais de primeira necesidade como roupa e alimentos, doados por todos os concellos da provincia, outro tipo de materiais cedidos por diferentes entidades”.

A deputada tamén aproveitou a ocasión para mostrar o seu agradecemento ao persoal que traballa nas instalacións habilitadas pola Deputación para coordinar a resposta dos concellos da provincia ante a crise humanitaria que sofre o pobo ucraíno, xa que “sen eles, que traballan dun xeito incansable, non sería posible a resposta que estamos a dar ante esta situación”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------