Xa é a segunda vez que desde a formación nacionalista levan a situación do Estadio do Couto ao Parlamento. Desta volta, no BNG piden explicacións sobre as tarefas de mantemento do céspede durante o verán
Igualmente cuestionan unha reforma, orzamentada en 1,8 millóns de euros, que non aborda a renovación e ampliación da iluminación artificial e mesmo reduce o aforo ao non instalar cadeiras na bancada de fondo
Ourense, 06 de setembro de 2022. En xuño de 2021 e a través do Grupo Parlamentar no Pazo do Hórreo, o BNG interesouse polos plans da Xunta de Galiza no Estadio do Couto. O pasado mes de maio, adxudicouse o contrato das obras de reforma e mellora. O importe do contrato, adxudicado á denominada “UTE Estadio O Couto”, conformada polas empresas Proyectos y Contratas Covelo SL Actividades, Construcciones y Voladuras SL, foi de 1.491.103,40 euros máis IVE, sendo o prazo de execución de 7 meses.
Na denominada rehabilitación estrutural do estadio, comprometida e agardada dende hai décadas, omítese, sinalan desde o BNG, a renovación do sistema de iluminación que, ademais de obsoleto e caduco, “e totalmente ineficiente ao xerar zonas de sombra e non cumprir cos estándares actuais de luminosidade para as retransmisións televisivas”.
Igualmente, advirten os nacionalistas, no proxecto adxudicado semella non preverse a existencia de asentos na bancada de fondo do estadio polo que ou ben os asistente deberán permanecer de pé ou ben sentarse directamente no cemento, algo que actualmente está prohibido en competicións deportivas e cuxa xeneralización non é aventurada.
O Estadio do Couto conta na actualidade cun aforo de 5.659 espectadores, todos eles sentados. Trala reforma, e tal e como figura no proxecto que está en execución, ese aforo redúcese a 3.971 espectadores xa que soamente se contempla a instalación de cadeiras na Tribuna e na bancada de Preferencia.
Asemade, dende hai anos o céspede presenta un grave deterioro que precisa da súa substitución e, con carácter urxente, sinalan no BNG, “a realización de actuacións para o seu mantemento e conservación a fin de non comprometer a seguridade e por en risco a integridade física das persoas que practican deporte nel”.
Actualmente o estadio utilizase tanto pola UD Ourense, en 3ª RFEF, como polo Ourense CF, en 2ª RFEF, así como por outros clubs e competicións provinciais. E é por iso que desde o Grupo Parlamentar do BNG veñen de solicitarlle ao Executivo galego información sobre se realizou ou ten previsto realizar ao logo do ano 2022 algún traballo de renovación ou mantemento do céspede.
Tamén se a Xunta de Galiza entende que o actual estado do céspede compromete tanto a práctica deportiva, como a seguridade e integridade dos deportistas.
Outra das cuestións plantexadas ten que ver cos motivos polos que non se abordou o cambio do sistema de iluminación nesta reforma. Ao tempo que piden información sobre porqué non se van repor a totalidade das cadeiras existentes a día de hoxe, o que provocará unha redución do aforo do estadio e a existencia dunha bancada con cemento á vista.
Por último, desde o BNG sinalan que a reforma do Estadio do Couto non é unha obra de futuro que permita á cidadanía e aos clubs de Ourense contar cunha instalación deportiva moderna, con infraestruturas eficientes, cómodas e accesibles polo que reiteran a necesidade de deixar de “enterrar cartos” ao tempo que reclaman abordar o verdadeiramente necesario, “a construción dun novo Estadio do Couto”.