Manuel Baltar apostará este xoves en Bruxelas polo impulso provincial ás comunidades enerxéticas no rural

O presidente da Deputación intervirá mañá en dúas sesións de traballo organizadas por Partenalia e a CEPLI, e nas que ademais deste proxecto piloto -presente nos orzamentos de 2023- tamén porá en valor o modelo de planificación cultural do goberno provincial para dinamizar o territorio a través do patrimonio e o termalismo, aproveitando ferramentas como o AVE

Nestes encontros intervirán representantes da Comisión Europea e de gobernos provinciais de España, Francia, Italia, Alemaña ou Romanía

AVANTAR ACTIVIDADES

Dentro da axenda de traballo de Manuel Baltar na capital europea, Partenalia celebrará o seu Consello Político e manterán unha reunión co novo presidente do Comité Europeo das Rexións, Vasco Cordeiro

Ourense, 12 de outubro de 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, terá esta semana en Bruxelas varios encontros de traballo para avanzar na folla de ruta compartida polos gobernos intermedios europeos en cuestións clave como o patrimonio, a eficiencia enerxética, a resiliencia territorial, as consecuencias do Brexit ou o impacto derivado da guerra en Ucraína. Estas xornadas de traballo na capital europea realizaranse no marco de Partenalia -a asociación europea de gobernos locais intermedios pola cooperación territorial- e a CEPLI -a Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios-, entidades das que Manuel Baltar é, respectivamente, presidente e vicepresidente. 

“Esta é a Semana Europea das Cidades e as Rexións, e Bruxelas cobra un protagonismo especial para que falen os territorios”, recalca Manuel Baltar sobre unhas xornadas definidas como “unha importante oportunidade de desenvolver unha axenda de intereses comúns”. 

Dentro do programa de traballo, Manuel Baltar participará este xoves en dous obradoiros nos que presentará proxectos de boas prácticas ourensáns no marco do patrimonio e a eficiencia enerxética. Ademais, celebrarase a reunión ordinaria do Consello Político de Partenalia e, como peche, a directiva desta asociación manterá un encontro de traballo co novo presidente do Comité Europeo das Rexións, Vasco Cordeiro. 

“A nosa aposta polo traballo en rede é absolutamente estratéxica, pola posibilidade que ofrece a Ourense de manter interlocución directa coas altas institucións comunitarias e con froitos tan visibles como o Congreso Internacional de Turismo Termal, organizado pola Asociación Europea de Cidades Históricas Termais co aval da Organización Mundial do Turismo”, reivindica o presidente do goberno provincial antes de resaltar a necesidade de “avanzar en cuestións como a posición dos territorios ante o marco financeiro comunitario. Porque debemos seguir facendo Europa nun contexto tan complicado como este, e para iso é vital compartir visións, poñer en común as nosas realidades, intercambiar experiencias e favorecer sinerxías”. 

A marca “Ourense Genuina” e o potencial da Vía da Plata

O primeiro dos obradoiros nos que intervirá Manuel Baltar arrancará mañá, día 13 de outubro, ás 09,30 horas na sé de Partenalia baixo o título de “Impulsar ao turismo de proximidade a través da promoción do patrimonio local”. A xornada avanza na dinámica da conferencia celebrada en maio en León e tamén contará coa intervención de Núria Marín, presidenta da Deputación de Barcelona e da rede Arco Latino -entidade coorganizadora do encontro-. 

O presidente da Deputación destacará neste encontro o traballo realizado polo goberno provincial na potenciación do turismo termal e as oportunidades abertas pola chegada da Alta Velocidade, enmarcándoo na dinamización do rural ourensán. Neste sentido, Manuel Baltar pon en valor o modelo de planificación e programación cultural do goberno provincial, con fitos como a marca “Ourense Genuina” ou a aposta pola Vía da Plata: “A Deputación está a facer un traballo importante neste eido. En Ourense trazamos un camiño moi interesante para impulsar o patrimonio, a arquitectura ou a cultura”. 

Manuel Baltar reivindicará en Bruxelas a labor realizada para avanzar na potenciación de factores diferenciais de Ourense, como o termalismo ou o Camiño de Santiago, a través de pancas como a Alta Velocidade ou novos proxectos como o Gran Hotel Balneario Auria. “Os nosos colegas europeos coñecerán máis detalles da nosa boa forma de gobernar, con innovacións como o programa Destino Turístico Intelixente”. 

Aposta provincial polas comunidades enerxéticas

Organizado pola CEPLI, mañá ás 11,30 horas celebrarase en Bruxelas o segundo obradoiro no que participará Manuel Baltar na súa visita á capital europea. 

Co título “Autoridades locais intermedias impulsando a resiliencia e a eficiencia enerxética”, neste encontro tamén intervirá a directora do Departamento de Estratexias e Coordinación de Políticas Enerxéticas da Comisión Europea, Cristina Lobillo; o presidente da provincia de Lucca, Luca Menesini; o responsable dos proxectos municipais de protección climática da CEPLI, Udo Scherer; a deputada provincial de Barcelona Pilar Díaz -representante do Arco Latino; o presidente da delegación de Francia no Comité das Rexións, André Viola; o presidente da provincia de Hainaut e da Asociación de Provincias Valonas (APW), André Viola; e directivos de Partenalia, CEPLI e a Unión de Consellos de Provincias Rumanas (UNCJR). 

O encontro está deseñado para expoñer as apostas das administracións intermedias para mellorar a eficiencia enerxética e favorecer a resiliencia territorial. “Cuestións básicas, que interpelan directamente ao día a día dos gobernos intermedios, con capacidade para anticiparse e reaccionar ante os desafíos, e que temos a obriga de seguir potenciando o noso papel para acadar unha gobernanza descentralizada e multinivel real”, expresa Manuel Baltar. 

O presidente da Deputación exporá neste obradoiro a aposta de Ourense polas comunidades enerxéticas. Un proxecto dotado nos orzamentos provinciais do 2023, e que abarca o impulso á creación e dinamización de 12 comunidades enerxéticas piloto -en Riós,  A Gudiña, A Peroxa, Muíños, Carballeda de Avia, Larouco, San Xoán de Río, Maceda, San Amaro, Os Blancos, A Merca e Montederramo- para beneficiar o aforro enerxético de máis de 16.000 ourensáns.

A comunidade enerxética é unha fórmula participativa que permite ás persoas asociadas converterse en produtoras, xestoras e usuarias de enerxía de fontes renovables, grazas á instalación de sistemas de autoconsumo. “Apostamos pola creación dun sistema enerxético descentralizado, eficiente e sostible, contribuíndo á loita contra o cambio climático e a cumprir os obxectivos da Axenda 2030, unha cuestión central na nosa acción de goberno”, reivindica Manuel Baltar.