Gabriel Alén salienta o traballo de Aspamadis nas distintas dependencias da xunta en ourense

 O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá, acompañado do presidente de  Aspamadis, Manuel Marín á parroquia de Cantoña, en Paderne de Allariz, para supervisar os traballos de rozas, limpeza e xestión da biomasa, que persoal desta asociación están a  desenvolver en colaboración con SEAGA.

O delegado territorial, que tamén ía acompañado do alcalde, José Manuel Fernández,  explicou que os traballos que executan estes cinco traballadores en dúas xornadas semanais de traballo (mércores e venres) están concentrados nos concellos de A Merca e Paderne de Allariz, zonas próximas ao seu centro operativo (Ourense e concellos próximos). As actuacións desenvolvidas neste ano, dende xuño, están emprazadas nas parroquias de A Merca e A Mezquita, onde executaron 4,80 ha de rozas, e nas parroquias de Cantoña e Solbeira, en Paderne de Allariz.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén significou que Aspamadis ven desenvolvendo traballos en distintas dependencias da Xunta como os xardíns do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Santa Mª de Europa ou os do Centro de Formación Valverde en Allariz.

O representante do Goberno galego aproveitou a súa visita para anunciar a recente publicación no Diario Oficial de Galicia dunha nova convocatoria de axudas dirixidas a favorecer a empregabilidade das persoas con discapacidade a través dos centros especiais de emprego (CEE). O Goberno destinará 24,1 millóns de euros no período 2022-2023 a estes apoios, unha contía que supera nun 20,89% o orzamento inicial da edición anterior e coa que se espera poder beneficiar a máis de 3.700 persoas traballadoras con discapacidade e crear máis de 100 postos de traballo indefinido.

Aspamadis ven sendo beneficiaria desta liña de axudas pola que nos dous últimos anos recibiu máis de 30.000 euros.

Reunión co alcalde

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, mantivo na Casa do Concello un encontro co alcalde, José Manuel Fernández, onde analizou as principais demandas deste municipio en relación á Administración autonómica. Así, durante a xuntanza fixeron repaso dos grandes proxectos e necesidades que dependen da Xunta de Galicia.

Gabriel Alén puxo en valor os recentes investimentos da Xunta de Galicia no concello como foron a achega de 275.000 euros da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia para o abastecemento de auga do núcleo de San Cristovo;  a concesión de axudas do Plan de Mellora de camiños municipais a parcelas agrícolas de máis  de 30.000 euros da Consellería de Medio Rural; os 28.300 euros da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para obras de accesibilidade da Casa do Concello, ou os 28.000 euros da Consellería de Emprego e Igualdade para o programa de apoio aos CIMs.