Multitudinario Domingo de Ramos no Carballiño

A Semana Santa do Carballiño comezou cos pratos fortes dentro da súa programación. E fíxoo por todo o alto coas dúas primeiras procesións, que acompañadas polo bo tempo, gozaron dunha multitudinaria participación. Cada ano, o traballo da Cofradía Vera Cruz tradúcese nunha Semana Santa que xa é todo un referente na provincia e tamén en Galicia.

Esta fin de semana, tivo lugar o Domingo de Ramos, unha cita pensada para desfrutar en familia e que congregou a un gran número de fieis, que ademais animáronse co bo tempo a seguir a procesión e a misa.

AVANTAR ACTIVIDADES

O paso que tradicionalmente sae neste día é o de Jesús Triunfante entrando en Jerusalén, tamén chamado «a borriquiña». Saíron do Templo da Vera Cruz – Rúa Evaristo Vaamonde – Rúa Conde Vallellano – Curros Enríquez – Rúa de Antonio Palacios – Templo de la Vera Cruz.

Contaron coa participación dos Grupos de Catequesis da Parroquia de San Cibrao do Carballiño e a Banda de Guerra da Brigada Lixeira Aerotransportable «Galicia VII» e o Orfeón do Carballiño. Unha vez rematada, na praza da Veracruz, tivo lugar a bendición de ramos e palmas, seguido da santa misa.

Continúa esta semana unha ampla programación cun roteiro e con varias procesións, entre elas a máis tradicional, a dos “Caladiños”.