A Deputación e a Xunta alíanse para recuperar a Cámara de Comercio de Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o vicepresidente primeiro da administración autonómica, Francisco Conde, celebraron unha reunión esta semana para avanzar na reactivación deste organismo público

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Un equipo de traballo conformado por Deputación e Xunta de Galicia prepara un cronograma co obxectivo de contar cunha Cámara de Comercio plenamente operativa en 2023

Manuel Baltar destaca a importancia de recuperar a Cámara de Comercio para Ourense “un axente próximo ao tecido empresarial e xerador de recursos que permita avanzar na competitividade e na internacionalización das nosas empresas”

Desde a Xunta de Galicia, Francisco Conde destaca a importancia de afondar nesta cooperación institucional e no acompañamento ás pemes e autónomos de Ourense

Ourense, 22 de outubro de 2022.- A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia traballan de forma coordinada na recuperación da Cámara de Comercio de Ourense. Neste sentido, o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o vicepresidente primeiro da administración autonómica e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reuníronse esta semana para avanzar na reactivación deste organismo público. Este fito permitiría ás empresas da provincia recuperar a posibilidade de tramitar en Ourense cuestións esenciais como o certificado de orixe para a exportación e importación.

A liña de traballo perfilada na reunión do Pazo Provincial estará canalizada a través dun equipo de traballo conformado por Deputación e Xunta de Galicia e que estará coordinado coa Comisión Xestora para a reactivación da Cámara de Comercio. O obxectivo é ultimar o calendario que desemboque en 2023 na celebración das eleccións para a composición do pleno cameral e recuperar deste xeito a plena actividade orgánica da entidade pública. 

Manuel Baltar xa puxo a disposición da futura nova dirección da Cámara de Comercio a posibilidade de usar nesta reactivación a sede do Inorde en Ourense como espazo de traballo, tendo en conta que a sede da Cámara de Comercio de Ourense foi poxada no proceso de extinción da actividade do organismo empresarial. 

Manuel Baltar: “A Cámara de Comercio foi e debe volver a ser un axente principal na representación empresarial e con competencias directas en cuestións tan centrais para a nosa economía como a exportación das empresas ourensáns”.

O presidente da Deputación valora a importancia de recuperar a Cámara de Comercio de Ourense, “unha entidade histórica, nacida en 1899, que foi e debe volver a ser un axente principal na representación empresarial e con competencias directas en cuestións tan centrais para a nosa economía como a exportación das empresas ourensáns”. 

Nesta liña, Manuel Baltar define a Cámara de Comercio como un “órgano de defensa e representación das empresas e un importante soporte para o tecido empresarial”. Dúas cuestións, valora o titular do goberno provincial, que resaltan a importancia de reactivar esta corporación: “A Cámara de Comercio debe ser para Ourense un axente próximo ao tecido empresarial e xerador de recursos que permitan avanzar na competitividade e na internacionalización das nosas empresas”. 

“Devolver ao presente a Cámara de Comercio despois destes anos de inactividade é vital polo que suporía para o tecido empresarial -e para Ourense- recuperar un actor coa experiencia, proximidade e o coñecemento do territorio necesarios para seguir dinamizando Ourense”, explica Manuel Baltar sobre unha entidade pública que, nesta nova etapa, deberá ser “un axente vivo, dinámico e dimensionado respecto aos recursos xerados por el mesmo. Isto motivará que o seu futuro crecemento estea sempre vinculado ao futuro crecemento das empresas ourensás e os servizos que a estas lle presten”. 

Francisco Conde incide na importancia que ten para Ourense e Galicia a recuperación da actividade na Cámara de Comercio como elemento dinamizador da economía no territorio

Pola súa parte, desde a administración autonómica destacaron a importancia que tanto a nivel provincial como para Galicia ten a recuperación da actividade na Cámara de Comercio como elemento dinamizador da economía no territorio.

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, fai especial fincapé en que esta colaboración institucional entre os gobernos autonómico e provincial é un exemplo de como debemos traballar todas as administracións unidas: “Esta cooperación contribuirá a mellorar a posición de Ourense a nivel económico. É importante afondar nesta liña, acompañando ás nosas pemes e autónomos, posto que, ademais de permitir a súa consolidación, favorece a súa expansión cara aos mercados internacionais”. Neste sentido, cómpre lembrar o bo comportamento das vendas ao exterior que xa está a vivir a provincia de Ourense, onde as exportacións medraron un 26,6% nos oito primeiros meses deste ano.