A película “O home e o can”, patrocinada pola Deputación, triunfa no Festival de Cine de Madrid

IES CHAMOSO LAMAS

O filme, estreado na inauguración da XXVII edición do Festival Internacional de Cine de Ourense, acadou esta mañá seis galardóns: o premio da Crítica á mellor película, mellores actores protagonistas -Manuel Manquiña e Paula Chaves-, mellor montaxe, mellor guión e mellor dirección de cásting

Manuel Baltar celebra os éxitos dunha película “rodada integramente en Ourense dun xeito maxistral por Ángel de la Cruz” e que, despois de obter no OUFF o Premio do Público, sae como triunfadora de Madrid

OFERTA DE TRABALLO EN AVIÓN

Ourense, 23 de outubro de 2022.- A película “O home e o can”, patrocinada pola Deputación de Ourense, converteuse esta mañá na gran triunfadora da 31º edición do Festival de Cine de Madrid ao conseguir seis galardóns. En concreto, a película dirixida por Ángel de la Cruz -e que se estreou en setembro na inauguración da XXVII edición do Festival Internacional de Cine de Ourense-, foi recoñecida co premio da Crítica á mellor película, mellores protagonistas -para Manuel Manquiña e Paula Chaves-, mellor montaxe -para Alejandra Sotelo-, mellor guión -Ángel de la Cruz-  e mellor dirección de cásting. 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, felicita a todo o equipo artístico e técnico do filme á vez que celebra os éxitos dunha película “rodada integramente en Ourense dun xeito maxistral por Ángel de la Cruz, e que encaixa á perfección na nosa aposta por converter a esta provincia nun gran epicentro do audiovisual, con resultados do nivel desta ‘O home e o can”.

A película, producida por Ézaro Films e Caladiño Filmes tamén co apoio da CRTVG e que xa obtivera no Festival Internacional de Cine de Ourense o Premio do Público, triunfa agora en Madrid en versión orixinal en galego. 

O filme, “unha homenaxe ao neorrealismo italiano” segundo o seu director, é un drama que conta unha emotiva historia arredor da soidade dos maiores e o abandono do rural, con escenarios nun pequeno pobo de San Cristovo de Cea, localización onde se inicia e remata a historia, e unha vintena de lugares seleccionados da capital ademais das escenas rodadas no polígono de San Cibrao das Viñas.