Ribeiro en Común presenta unha nova iniciativa no Pleno da Corporación Municipal para a defensa da Fundación Nosa Señora dos Anxos, que xestiona a actual Residencia de Ribadavia. Faino tras o anuncio realizado esta semana pola Xunta de que Ribadavia será unha das 25 localidades nas que a Administración autonómica fará novas Residencias de Maiores, anuncio que sinala ademais que, só o 60% das prazas destas novas residencias serán públicas, “algo que nos parece moi preocupante, fundamentalmente porque en Ribadavia a nosa Residencia actual, xestionada pola Fundación Nosa Señora dos Anxos, ten un carácter público e de asistencia social”, apuntan dende esta formación política.
“Para Ribeiro en Común pode supoñer unha noticia moi agardada e reivindicada polo noso colectivo, máis alá de que este anuncio da Xunta é puramente electoralista, a poucos meses de unha eleccións, e tendo en conta a experiencia previa de anuncios similares que en Ribadavia acabaron en nada, basta con recordar a nova Galiña Azul anunciada pola Xunta”, aseguran. E lembran que “desde o seu nacemento en 2015, Ribeiro en Común vén realizando innumerables iniciativas tanto no Pleno municipal como na Fundación, na que ten representación, e no propio Parlamento Galego, onde tamén se reivindicou investimentos e unha aposta polos servizos públicos dos nosos maiores”.
Así, tras o anuncio en prensa da Xunta o pasado 14 de setembro, o grupo municipal de Ribeiro en Común pediu información ao goberno local nas comisións informativas deste xoves 17, “pero o goberno non informou de nada, quizais porque esta decisión da construción de 25 novas residencias vén decidida desde Santiago e o goberno local pouco ou nada ten que ver”.
“Aínda que o alcalde non quixo informar aos grupos municipais nas comisións informativas do xoves, sí quixo ao día seguinte na prensa intentar adxudicarse un mérito que non ten, por non ter non tivo nin a honestidade de informar sobre os terreos nos que se pode construír a posible nova residencia, cando a realidade é que xa foi abordado en Pleno”, conclúen dende Ribeiro en Común. Concretamente, nos terreos adquiridos, na época do PSOE, ao carón do Campo da Feira e que inicialmente eran para a construción dun novo centro de saúde.
En consecuencia, Ribeiro en Común propón que o pleno da Corporación de Ribadavia “inste á Xunta de Galicia a garantir de xeito explícito que a nova residencia de maiores anunciada para o noso municipio sexa de titularidade, construción e xestión cen por cen pública e directa, rexeitando calquera modalidade de privatización, concerto total ou parcial, ou concesión de servizos a empresas privadas ou entidades con ánimo de lucro, debendo ser a súa xestión e titularidade plenamente pública a través da Fundación Nosa Señora dos Anxos”.
Asemade, piden o compromiso de “facilitar todos os trámites urbanísticos e a cesión de terreos de titularidade municipal que sexan necesarios para a axilización do proxecto, sempre que se garanta a xestión e a súa natureza cen por cen pública e de xestión directa da residencia, a través da Fundación Nosa Señora dos Anxos, que sendo de xestión privada está ligada ao Concello de Ribadavia e ten unha finalidade de interese público”.
Finalmente, Ribeiro en Común solicita que se lle dé traslado do acordo plenario “á Presidencia da Xunta de Galicia, á Consellería de Política Social e Igualdade, e aos portavoces de todos os grupos parlamentarios con representación no Parlamento de Galicia”.


















