A Deputación aproba a modificación da ordenanza das taxas do servizo de recollida, tratamento e eliminación de residuos

 O pleno da Deputación de Ourense comezou esta mañá gardando un minuto de silencio en memoria do estudante falecido no IES Julio Prieto Nespereira. 

Reunido baixo a presidencia de Manuel Baltar e na sesión ordinaria correspondente ao mes de outubro, o pleno aprobou esta mañá a modificación da vixente ordenanza fiscal reguladora das taxas do servizo intermunicipal delegado de recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos e de puntos limpos da provincia de Ourense, no referente ás tarifas dos anexos 1 e 2. Esta modificación da ordenanza fiscal toma en consideración os custos anuais repercutidos nas liquidacións dos anos 2020 e 2021.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta mañá tamén se acordou a modificación da ordenanza fiscal reguladora da recarga provincial sobre o Imposto sobre Actividades Económicas (IAE). A nova redacción ten a finalidade de actualizar as referencias normativas desta ordenanza e, así mesmo, regular a obrigatoriedade para todos os concellos de remitir unha información detallada dos ingresos correspondentes á recarga provincial do IAE e ao mesmo tempo dar uniformidade á información subministrada polos distintos concellos que levan á xestión desta recarga por ser atribuída a xestión do imposto sobre actividades económicas proponse a modificación da ordenanza fiscal reguladora da recarga provincial sobre o imposto sobre actividades económicas. A ordenanza fiscal entrará trala súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia (BOP), con efectos desde o 1 de xaneiro de 2023.

Modificación das bases de execución do orzamento vixente

O pleno aprobou unha modificación das bases de execución do orzamento vixente da Deputación, dando luz verde a seis solicitudes de concellos e entidades para o cambio na finalidade dunha achega incluída nas contas e que non afectan cuantitativamente ao orzamento. 

Ao Concello de Manzaneda foille concedido un cambio na finalidade da subvención para a cofinanciación dun tractor (16.221,66 euros); ao Concello de Petín, para o acondicionamento e pavimentación da rúa da Igrexa (48.000 euros); ao de Parada de Sil, para a mellora de acceso a Costrela (10.000 euros)-; a Federación de Comercio de Ourense recibiu luz verde á súa solicitude para o cambio na finalidade da achega de 25.000 euros para gastos de funcionamento e proxectos ou actividades do exercizo 2022; ao Concello de Castrelo de Miño, cambio na finalidade dunha achega de 57.500 euros para o cofinanciamento do mantemento e funcionamento da vivenda comunitaria e do SAF; e ao Concello de Larouco, un cambio de finalidade nunha subvención nominativa de 40.000 euros para cambiar luminarias na zona de Portela -14.731,35 euros- e a mellora nas instalacións eléctricas no complexo deportivo municipal -25.268,65 euros-. 

A Corporación recoñeceu esta mañá a compatibilidade a Jaime Antonio Pintos, funcionario interino da Deputación; e a autorizou en execución de sentenza ao deputado provincial Rafael Rodríguez Villarino, para compatibilizar o exercizo do seu cargo de deputado provincial en réxime de dedicación exclusiva co desempeño a tempo parcial do posto de traballo de profesor asociado T3-P5 na Universidade de Vigo. 

Moción aprobada sobre a comarca do Limia e a Baixa Limia

No apartado de proposicións, a corporación provincial aprobou por unanimidade unha moción para “adoptar medidas urxentes ante o problema de contaminación nas comarcas da Limia e a Baixa Limia e a ameaza de declaración de zona vulnerable”. 

A moción reclama facer público o “Plan Estratéxico do Sector Agrario da Limia” á Xunta de Galicia e solicita á Confederación Hidrográfica Miño-Sil que, como organismo da conca do río Limia, emprenda accións conducentes a minimizar a contaminación das augas a mellora e optimización dos sistemas de regadío. Ademais, tamén insta á Xunta de Galicia a facer público en que estado se atopa o expediente de declaración da Limia como “Zona vulnerable por nitratos” e que medidas ten tomado ata este instante para evitar esta declaración.