Xornadas de adianto das axudas de Igape e Gain que tivo lugar na CEO a través da oficina Conecta Ourense.

Esta xornada para repasar as axudas dos organismos autonómicos dependentes da Consellería de Empresa, Industria e Innovación e Vicepresidencia 1ª da Xunta, contou coa participación de Patricia Fernández, directora da Área de Servizos de Gain, e Miguel Fidalgo, responsable da Oficina Sur do Igape.

Este ciclo de xornadas de adianto das axudas para o 2023 ten o obxectivo de manter ao tecido empresarial ao tanto dos apoios que terán continuidade e as novas liñas de actuación destes  organismos. A oficina Conecta Ourense da CEO encargouse da organización dos eventos informativos, e ademais ten unha labor de acompañamentos, asesoramento e apoio para orientar ás empresas coas súas solicitudes destas axudas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Axencia Galega de Innovación

Nun primeiro lugar, a responsable de Gain repasou las liñas de apoio habituais da axencia facendo especial fincapé nas novidades que presentan para 2023, un mapa de apoios perfilado nestes días.

Na xornada presentáronse convocatorias de nova creación como ‘Integra’ que aposta pola mellora de infraestruturas de centros tecnolóxicos e fortalecer as súas capacidades, esta liña está prevista para que saia publicada no cuarto trimestre do ano. Tamén resaltou as novas ‘Misións RIS3’, que financian grandes programas cooperativos de temáticas concretas e prioritarias para Galicia, determinadas pola axencia. Neste sentido, para detectar a realidade do tecido empresarial estas temáticas establecéronse a través da celebración de foros, encontros empresariais e a realización de enquisas entre o tecido empresarial galego a comezos deste ano 2022 co fin de definir estas preferencias para Galicia.

A axencia continuará coas liñas de gran traxectoria como Innova Peme e Deseña Peme, convocatorias que están valorando fusionar co fin de simplificar a xestión do trámite de solicitude así como a execución da memoria. Esta liña está prevista para o segundo trimestre do próximo ano e as características serán similares ás deste 2022.

Tamén terá continuidade o Programa Ignicia, que apoia o coñecemento de  organismos de investigación  que necesiten validar os resultados da súa investigación (cesión de coñecemento) ou o xa coñecido Conecta Peme para finais do ano, que financia proxectos de I+D+i de pemes para facilitar a cooperación entre empresas e axentes do ecosistema.

Outro apunte da relatora foi que se consolidan os Bonos de Innovación, un programa piloto lanzado neste ano con gran aceptación e que convocarase xa no primeiro trimestre do ano, coa posibilidade este ano de incorporar deseño. Neste punto Patricia Fernández comentou que a simplificación dos procesos para presentar as solicitudes e apoiar con asesoramento son obxectivos deste mapa de apoios presentado. Os Bonos de Innovación son axudas ás microempresas e pemes que levan a cabo actividades de innovación a través da contratación de servizos profesionais externos que lles permitan dar un salto cualitativo e cuantitativo na súa labor de I+D+i a curto prazo e lle infiran tamén capacidade de resposta necesaria para os retos actuais das empresas a través da innovación.

No apartado de aceleradoras, subliñou que continúan as destinadas a emprendedores ou empresas de recente creación, e nacerá unha nova liña dedicada á biotecnioloxía para consolidar este campo no tecido empresarial galego. Ademais, continúan Turislab, Vía Galicia, e consolídase a iniciativa Galicia Avanza para que empresas consolidadas poidan comercializar un produto innovador ou tecnolóxico no exterior. Trátase dun programa que a axencia xestiona coa colaboración da Tecnópole ourensá.

En canto ás axudas á contratación de persoal, continúan os programas pre-doutoramento, post-doutoramento e incentivos á contratación co programa Investigo, que permite contratar persoal de ata 30 anos para realizar as actividades de I+D+i, con perfís non só de investigadores senón tamén xestores da innovación ou técnicos de innovación entre outros. Esta orde preséntase en concorrencia non competitiva, polo que a relatora recomendou estar atentos á súa convocatoria e recalcou que non é unha porcentaxe da axuda senón un incentivo fixo á contratación.

Patricia Fernández destacou tamén a nova orde Posiciona que consiste na recuperación de proxectos nacionais excelentes. Preténdese rescatar no 2023 os proxectos presentados ante o CDTi de NEOTEC e en NEOTEC MUJERES co fin de permitir que os que superen a nota de corte de CDTI obteñan financiamento tamén en Galicia. É unha convocatoria ampla xa que se estende máis aló das fronteiras de Galicia e prevese a súa saída no primeiro trimestre.

Antes de rematar, a relatora de Gain recomendou prestar tamén atención aos fondos Next Generation xa que está previsto que saian bastantes convocatorias relacionadas, e incidiu na preparación das axudas acudindo aos servizos de asesoramento da propia axencia e tamén de Conecta Ourense, a oficina da CEO da que resaltou o seu bo asesoramento na presentación das solicitudes de empresas.  Tamén aconsellou antes de facer calquera gasto, buscar a convocatoria máis idónea na que encaixar os conceptos subvencionables e non anticipar gastos que non o son.

Instituto Galego de Promoción Económica

Por parte do Igape interveu Miguel Fidalgo, o responsable da Oficina Sur deste organismo. Antes de comezar cos apoios propios do organismo, lembrou que os programas vinculados ao emprendemento e que agora responden ao nome de Xempre Emprendemento, foron transferidos á consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. A continuación, Fidalgo lembrou que as axudas do Igape, -organismo que o próximo xaneiro cumprirá 30 anos- atinxen basicamente a tres aspectos: servicios, axuda económica e axuda financeira.

No eido da competitividade, Miguel Fidalgo presentou o programa Reacciona dotado con 3,2 millóns de euros e que terá prazo ata o 8 de abril. Está destinado a pemes e autónomos para servizos de mellora da competitividade empresarial nos campos de desenvolvemento estratéxico, profesionalización, innovación ou adopción de solucións de dixitalización.

A dixitalización da industria 4.0 tamén contará con liña de axuda por un importe total de 6,6 millóns de euros destinados a pemes ou agrupacións de empresas que presenten proxectos individuais ou colectivos. A cobertura da axuda pode chegar ata o 50% da inversión e está indicada para a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa, ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre empresas, ademais de investimentos materiais e inmateriais como equipamento informático, software ou colaboracións externas.

Obradoiros de dixitalización e economía circular, dentro deste mesmo apartado de competitividade, foron outras das axudas presentadas por Fidalgo, que indicou para a primeira unha previsión de investimento de 400.000 euros. Estes obradoiros están destinados a organismos intermedios de carácter empresarial como asociacións, clústeres ou centros tecnolóxicos para explorar vías de colaboración que fomenten a implantación de ferramentas dixitais colaborativas de carácter sectorial. En canto á economía circular, adiantou unha nova liña para o desenvolvemento de proxectos que implanten solucións para a circularización de procesos na industria (aforros de recursos naturais, auga e enerxía, diminución na xeración de refugallos ou desfeitos, converter os refugallos en recursos) cunha axuda que oscila entre o 25 e 35% do investimento e do 50% para colaboracións externas. Outra novidade para fomentar a economía circular é a liña para promover modelos de negocio circulares mediante que cumpran coa regra das 3 erres: Reducir, Reutilizar e Reciclar, isto é, a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento de residuos.

Galicia Inviste está destinada a autónomos e pemes do sector industrial, incluíndo hoteis, e cubre investimentos e gastos como obras, maquinaria ou mobiliario en proxectos de investimento empresarial, do sector aloxamento ou equipamento produtivo.  

No apartado de financiamento, Fidalgo falou dos convenios coas Sociedades de Garantía Recíproca, dos préstamos directos do Igape nos que resaltou como novidade que inclúen a financiación operativa de industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína por Rusia; e finalmente os IFI Innova para sociedades mercantís con proxectos innovadores.

A internacionalización de empresas tamén contará con axudas específicas, das que o relator do Igape resaltou a de Galicia Exporta Dixital para pemes que leven a cabo un plan de internacionalización dixital; a Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios, para levar a cabo proxectos individuais ou colectivos de pemes, autónomos ou organismos de todos os sectores de actividade, que prevé a súa publicación na primeira metade do ano, xunto coa de Xestores de Exportación para que empresas e organismos intermedios podan contratar persoal dedicado á exportación.

ServiAutónomo, aplicación gratuita para a xestión empresarial

David Martínez, presidente da Asociación Empresarial de Profesionais Autónomos de Ourense, fixo a presentación de ServiAutónomo, o primeiro gran directorio dixital de provedores de servizos, que reúne aos autónomos de España, tanto os individuais como os autónomos societarios e pemes, nun espazo que funciona como un súper buscador. Esta plataforma convértese nunha solución que conecta de forma fácil e rápida a aqueles que buscan satisfacer necesidades de produtos e servizos, cos profesionais que os ofrecen preto da súa localización.

A plataforma permite tamén que o autónomo desde o seu móbil poida elaborar facturas, realizar control de operacións, comunicación cos clientes, axenda de citas e gozar dun espazo web propio para publicar os seus produtos ou servizos na internet de forma totalmente gratuíta.

Esta funcionalidade descrita está habilitada de cara ao demandante de servizos que entra na plataforma buscando profesionais, empresas ou produtos, pero para o autónomo conta ademais con outra gran función operativa que é a oficina virtual. Esta aplicación dálle a opción de dispoñer dunha oficina virtual coa súa información, que lle permita, por exemplo, elaborar, modificar e emitir albarás ou facturas desde o teléfono e poder envialas en formato PDF. Ademais, tamén permite dispoñer de toda a información que o usuario autónomo necesite ter na súa área privada para poder utilizala en calquera momento e lugar, desagregada e dixitalizada.

Outras prestacións que inclúe para o autónomo é o apartado de subvencións, de servizos xurídicos, de axenda, de formación, ou mesmo un TPV a través dunha billeteira virtual coa que poderá realizar cobranzas facilmente aos seus clientes mediante este aplicativo.

Ademais, conta cun networking virtual a través do que o propio autónomo pode localizar outros profesionais do seu sector, pero distintas áreas, para que poidan complementar entre eles os servizos prestados en colaboracións puntuais, incrementando así a posibilidade de negocio.

Martínez destacou ademais que este programa cumpre coa Lei de Protección de Datos e conta con sistemas de protección contra hackers de calquera tipo, para seguridade plena do usuario. Un completo titorial na propia páxina web permite ao autónomo aprender o seu fácil manexo en cinco minutos.