O Psdeg-Psoe presenta unha moción para que o concello de Ourense rexeite o “arcaico, cruel e innecesario” uso de animais en espectáculos públicos e actividades festivas

Denuncian que o uso de dromedarios e renos nos espectáculos de Nadal vulnera “un histórico acordo plenario acadado en 2013 polo que Ourense se declarou cidade libre de circos con animais”

O edil Trigás tachou de “inxustificable” que Ourense sexa “a única cidade galega que en pleno século XXI aínda fomenta a participación de animais vivos en actividades festivas por mero entretemento”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 30 de novembro de 2022. O PSdeG-PSOE defenderá unha iniciativa no pleno municipal deste venres para reclamar que o Concello de Ourense rexeite o “arcaico, cruel e innecesario” uso de animais en espectáculos públicos e actividades lúdico-festivas que o alcalde Jácome vén promovendo nos últimos anos. A iniciativa nace logo de coñecerse a “lamentable noticia” de que o goberno municipal vén de contratar un espectáculo de Papá Noel con renos e que, un ano máis, os Reis Magos farán a cabalgata subidos a dromedarios.

“O Concello volve vulnerar un histórico acordo plenario de 2013 polo que Ourense se declarou cidade libre de circos con animais e ignora, como de costume, as queixas da cidadanía, dos colectivos animalistas e dos grupos políticos que nos opoñemos a que Ourense sexa a única cidade galega que aínda conserva e fomenta a participación de animais vivos en actividades festivas por mero entretemento”, censurou o concelleiro Borja Trigás, promotor da iniciativa.

Dende o grupo socialista piden que se faga respectar o acordo plenario acadado “democraticamente” hai unha década e tamén que se redacte unha nova ordenanza de protección animal para eliminar e impedir a utilización de animais nas cabalgatas de Nadal.

Consideran que o emprego de renos e dromedarios neste tipo de festexos representa unha “clara involución” e vai á contra da “tendencia evidente á eliminación deste tipo de espectáculos en toda Europa”, ademais de “proxectar unha mensaxe antipedagóxica”, particularmente entre os cativos e cativas.

A este respecto, no texto da moción as e os socialistas aseguran que “non é responsable que unha administración tan próxima á cidadanía coma o Concello de Ourense favoreza e potencie a cousificación dos animais entre as crianzas, dando a entender que é lícito e axeitado obrigar os animais a facer o que desexemos para a nosa diversión”.

“Alternativas éticas de ocio”

“É inxustificable que a estas alturas do s. XXI sigamos a empregar animais en espectáculos de Nadal por simple diversión cando dispomos de alternativas éticas de ocio que representan á perfección o espírito festivo colectivo e constitúen unha fonte de riqueza para o tecido empresarial local, sen incorrer en prácticas moral, científica e legalmente cuestionables”, subliñan.

Así as cousas, dende o grupo socialista reclaman “transicionar cara a maneiras máis xustas, modernas e respectuosas de entender as celebracións, con espectáculos de maior calidade humana, que sexan un exemplo de respecto e non de maltrato manifesto ou encuberto”.

Maltrato emocional e angustia inxustificada

Dende o grupo socialista destacan que, malia non existir aparentemente violencia física, as prácticas ás que se ven sometidos os animais nas actividades lúdicas e festivas prodúcenlles un “maltrato emocional”, que provoca “danos e angustia inxustificada”.

“Como xa advirte un informe publicado no ano 2016 pola asociación de veterinarios Avatma, son forzados a amosar comportamentos distintos aos previstos pola súa propia natureza, que se conseguen sempre a través de adestramentos que distan moito da súa etoloxía de aprendizaxe natural”, sinalan no texto da moción.

Lembran tamén que o fin da exhibición de animais é un aspecto contemplado no proxecto da nova lei de Protección, Dereitos e Benestar dos Animais, impulsada polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, que abre a porta á prohibición definitiva da súa participación en cabalgatas, beléns e procesións, ao entender que son sometidos e manipulados de forma antinatural.