Comunicado do PsdeG-Psoe sobre unha presunta prevaricación de membros do goberno provincial

COMUNICADO

O XULGADO INVESTIGA A BALTAR E A MEMBROS DO SEU GOBERNO POR PRESUNTA PREVARICACIÓN TRAS NEGAR A COMPATIBILIDADE A VILLARINO INTENCIONADAMENTE E CON INFORMES EN CONTRA

AVANTAR ACTIVIDADES

“Baltar e os seus deputados e deputadas, que son cómplices dos feitos, intentan aniquilar desde o punto de vista político, persoal e laboral a calquera persoa que lle fai fronte en política”, dixo Gómez

“Queremos unha sentenza exemplarizante para esta administración: hai que respectar á oposición e non ir nin contra a lei nin contra as persoas que simplemente fan o seu traballo”, manifestou Villarino

Ourense, 26 de decembro de 2022. A xustiza investiga a Manuel Baltar, Rosendo Fernández e José Miguel Caride por un presunto delito de prevaricación tras negar, intencionadamente e con informes favorables en contra, a compatibilidade para docencia universitaria a tempo parcial ao voceiro socialista na Deputación de Ourense, Rafa Villarino. Aquela decisión ilegal adoptada polos deputados e deputadas de Partido Popular e Democracia Ourensana, que xa foi revocada pola xurisdición contencioso-administrativa, está agora sendo investigada na vía penal.

O xulgado de instrución número 1 de Ourense vén de incoar un procedemento abreviado, tras apreciar indicios delitivos no proceder do presidente da institución, do vicepresidente primeiro e tamén do entón vicepresidente segundo, Miguel Caride, cando votaron en contra deste dereito durante o pleno provincial celebrado o 31 de xullo de 2020, a pesar de contar con informes técnicos e propostas de resolución favorables, asegurando que se trataba dunha cuestión persoal contra o líder do PSOE.

O vicevoceiro do Grupo Provincial Socialista, Nacho Gómez, manifestou hoxe en rolda de prensa o apoio de todo o grupo ao portavoz e asegurou que estamos ante “unha cuestión que debería servir de exemplo para que non volvan suceder estas cousas”. “Baltar e os seus deputados e deputadas, que son cómplices dos feitos, intentan aniquilar desde o punto de vista político, persoal e laboral a calquera persoa que lle fai fronte en política”, dixo o deputado antes de recordar que o presidente provincial xa fixo o mesmo anteriormente con outros portavoces do PSdeG-PSOE. “Unha cousa é a confrontación política e outra usar medios públicos para isto, para ir en contra da lei, xa que a eles non lles costa nada defenderse porque paga a Deputación”, insistiu.

O voceiro, Rafa Villarino, deu conta desta querela contra Baltar, Fernández e Caride, así como “contra todas aquelas persoas que, no curso da instrución, aparezan como coautoras, cómplices ou encubridoras” do “evidente” delito de prevaricación, penado con entre 9 e 15 anos de inhabilitación especial. O resto de deputados e deputadas de PP e DO que aquel día votaron no pleno, están chamados en calidade de testemuñas, polo que estarán obrigados a dicir a verdade ante a xustiza.

“Queremos que isto sexa exemplarizante nesta administración pública: hai que respectar á oposición política e non se pode nin ir contra a lei nin contra as persoas que simplemente fan o seu traballo”, manifestou Villarino antes de detallar unha secuencia de datas na que se evidencia como, tras concederlle o pleno a compatibilidade para docencia a tempo parcial en 2019, un ano despois, logo de presentar o PSOE un recurso contra as bases dunhas axudas concedidas presuntamente de xeito irregular pola Deputación de Ourense, PP e DO tombaron no pleno a ampliación desa compatibilidade, en contra de todas as resolucións técnicas.

Villarino tamén destapou que, antes do seu caso, a Deputación nunca antes denegara unha compatibilidade para traballar como profesor asociado a ningún deputado, deputada, empregado ou empregada pública, segundo un certificado aportado á causa. “Foi unha decisión con tintes políticos e antipersoais que, ademais, foi adoptada dun modo antinormativo”, insistiu.

“Trátase dun delito de prevaricación e nós, con isto, buscamos respecto e que sexan plenamente demócratas”, aseverou antes de insistir en que queren unha “sentenza exemplarizante” que dirima se as responsabilidades de PP e DO “son susceptibles de inhabilitación” para emprego ou cargo público ou para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo. “Non poden dicir que non eran coñecedores do que estaba a pasar, xa que coñecían todos os informes e resolucións favorables previas ao pleno pero, durante a sesión, apelaron a cuestións persoais ou ao recurso contra as bases das subvencións para autónomas e autónomas”, salientou o voceiro.