O voceiro do Grupo provincial do BNG, Bernardo Varela, xunto ao Deputado no Parlamento de Galiza, Iago Tabarés, comparecían en rolda de prensa para trasladar unha preocupación que a organización nacionalista ven manifestando desde que o día un de xaneiro en que se produciron unhas riadas moi importantes que asolagaron moitos concellos galegos e que na provincia de Ourense xeraron importantes afeccións a infraestruturas públicas.
Desde o BNG solicitarase, sinalou Varela, un acordo no vindeiro pleno provincial para demandar da Confederacións Hidrográfica Miño Sil e á do Douro a colaboración na financiación e/ou execución das obras para restaurar e reparar os danos nas infraestruturas públicas dos concellos afectados pola riadas. Á vez que se demandará desde a organización nacionalista que a Confederación Hidrográfica do Miño Sil leve a cabo o acondicionamento dos ríos baixo a súa xestión co fin de previr no posible, futuras riadas, procedendo á limpeza de sedimentos, maleza e axendado traballos periódicos que eviten a súa acumulación descontrolada destes elementos no cauce dos ríos. Facilitando tamén a xestión sostible dos bosques de ribeira por parte dos propietarios das parcelas colindantes.
Bernardo Varela sinalou que “un dos principais efectos das fortes chiovas foron as crecidas de todos os ríos con desbordaduras e riadas que se viron agravadas por unha deficiente limpeza e mantemento dos cauces que favoreceron os tapóns provocados polo acúmulos de troncos, broza, lixo e lodos, levando a que múltiples concellos da provincia se visen sobrepasados pola situación.”
As infraestruturas afectadas supoñen millóns de euros en danos e que até o momento non se ten obtido resposta das administracións e cando se ten obtido resposta foi a de responsabilizar aos concellos.
Ante esta situación o BNG trasladará esta petición de acordo á Deputación de Ourense durante o pleno deste mes de xaneiro, na cal tamén se propón instar a todas as administracións supramunicipais a que boten unha man e poñan fondos para a recuperación dunhas infraestruturas que son absolutamente necesarias nos concellos que se viron destrozadas tras as riadas. O voceiro provincial tamén inclúe neste senso a esixencia de colaboración das adminstracións estatal, galega e provincial con apoio financiero ao municipios abrindo liñas de axudas aos concellos afectados e complementarios aos que poidan prestar entre as diferentes adminstracións.
Iniciativas no Parlamento de Galiza
Pola súa banda Iago Tabarés, trasladou as iniciativas presentadas no Parlamento de Galiza, ante as 384 incidencias notificadas ao 112 na noite de fin de ano, esencialmente en Pontevedra e Ourense.
As choivas casaron destrozos en bens privados e bens públicos, sendo os concellos quenes tiveron que asumir os custes en parques, xardíns e mesmo no patrimonio histórico e desde o BNG entendemos que non é xusto para os concellos , sobre todo cando estes teñen que seguir asumindo competencias impropias, sinalou Tabarés
Desde o BNG demandamos á Xunta que lidere o apoio aos concellos, pois esta situación excede as capacidades municipais e teñen que ser as administracións supramunicipais as que lideren. Que lidere en contacto cos concellos, en contacto coa FEGAMP as axudas para restablecer os perxuízos causados por estas inundacións.
A fronte nacionalista tamén demandou da Xunta un Plan de Protección do Patrimonio Histórico, porque tamén resultou gravemente danado. “O patrimonio histórico galego, insubstituíbel, foi estragado polas enchentes como en Arnoia, na fortaleza de Goián, en Mondariz Balneario…”
E sobre todo, un Plan de medidas, sinalaba o deputado, para que esta situación non se poida reproducir, pois aínda que as choivas foron o detonante dos estragagos, foi o estado previo dos ríos, ou estado previo de construcións en zonas inundábeis as que incrementaron os danos provocados polas choivas
“Estas foron as medidas que demandamos desde o BNG á Xunta con carácter urxente” declaraba Iago Tabarés.