O delegado da Xunta Gabriel Alén subliña as potencialidades turísticas das comarcas do Carballiño e o Ribeiro

Na presentación do Xeodestino Ribeiro – Carballiño “Mapamundi del pulpo de O Carballiño” esta tarde en Fitur

  • Gabriel Alén lembrou que o polbo, o pan, o viño e os recursos termais dentro dun clima, unha orografía, e a biodiversidade do medio, conforman unha paisaxe singular na que conflúen os vales do Avia e do Miño
  • O  representante do Goberno galego significou que para contextualizar todos estes recursos, a Xunta de Galicia estableceu o Plan Territorial Gastronómico e Enolóxico Galicia 2022, situando a gastronomía e o enoturismo como unha experiencia para consolidar Galicia como destino turístico internacional
  • Dado o seu patrimonio enogastronómico, este plan pretende converter o territorio Ribeiro-O Carballiño, cun orzamento estimado de 2,4 millóns de euros, nun destino turístico enogastronómico de referencia a nivel nacional, promovendo unha oferta turística cohesionada, ordenada e coordinada para todo o destino

Ourense, 19 de xaneiro de 2023. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, destacou “o potencial sen límite” das singularidades enogastronómicas e termais das comarcas do Carballiño e O Ribeiro. Así o fixo, esta mañá na presentación deste xeodestino na Feira Internacional de Turismo, en Madrid.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial subliñou a importancia dos Xeodestinos “polo coñecemento de ser parte, en primeira persoa e durante oito anos da xestión dun territorio que cre nos seus incentivos e profesa a filosofía do Goberno de Galicia de compartir as potencialidades e recursos de municipios e comarcas para valorizar destinos e puntos de confluencia, e así, ser máis eficientes na organización turística, nas técnicas de chamada e os reclamos publicitarios”.

Gabriel Alén lembrou que o polbo, o pan, o viño e os recursos termais dentro dun clima, unha orografía, e a biodiversidade do medio, conforman unha paisaxe singular na que conflúen os vales do Avia e do Miño. Na pel das súas augas é un privilexio practicar deportes como a vela, o remo e o piragüismo; Non en balde, foi o éxito da celebración de La Coupe de la Jeunesse no Parque Náutico de Galicia de Castrelo de Miño, que se celebrou no verán.

O  representante do Goberno galego significou que para contextualizar todos estes recursos, a Xunta de Galicia estableceu o Plan Territorial Gastronómico e Enolóxico Galicia 2022, situando a gastronomía e o enoturismo como unha experiencia para consolidar Galicia como destino turístico internacional.

Este Plan, cun orzamento de 34,5M de euros, é o segundo dos plans territoriais promovidos pola Xunta de Galicia ao amparo dos Fondos de Próxima Xeración da UE, e que constrúe a súa planificación arredor da enogastronomía, como elemento diferenciador do Oferta turística galega e potente motor do tecido socioeconómico do territorio, e que se desenvolve arredor das tres dimensións fundamentais do turismo enogastronómico e que implican toda a súa cadea de valor: produto, proceso e cultura.

Dado o seu patrimonio enogastronómico, este plan pretende converter o territorio Ribeiro-O Carballiño, cun orzamento estimado de 2,4 millóns de euros, nun destino turístico enogastronómico de referencia a nivel nacional, promovendo unha oferta turística cohesionada, ordenada e coordinada para todo o destino.

Destaca tamén o plan de mobilidade sostible, que abarca dende o sector do transporte público ata a marcha a pé, e a posta en marcha de liñas de axuda e formación para a dixitalización da hostalería.

Neste proxecto tamén se inclúen liñas de axudas ao sector privado para o fomento de produtos turísticos enogastronómicos sostibles e innovadores, e un programa de axudas á recuperación da arquitectura tradicional relacionada co viño, como o viño do Ribeiro, e produtos gastronómicos, como o Pan de Cea, característico do destino. Por outra banda, establécese a apertura dun centro enogastronómico como punto de venda, sala de degustación e espazo de showcooking de produtos locais.