O grupo socialista acusa á Xunta de deixar fora das axudas do programa impacto autónomo “a quen máis o necesita”

Carmen Rodríguez e Patricia Otero presentan o mesmo día en dúas comisións distintas senllas iniciativas para que a Xunta modifique o mínimo de 10.000 euros de rendemento neto esixido para acceder ás axudas na agricultura e na pesca

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2023. As portavoces de Agricultura e de Pesca do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez e Patricia Otero, presentaron hoxe en cadansúa Comisión de Agricultura e Pesca do Parlamento dúas iniciativas para reclamarlle á Xunta que modifique o mínimo de 10.000 euros de rendemento neto esixido para acceder ás axudas previstas no Programa Impacto Autónomo. O PP rexeitou as dúas propostas, deixando fora das axudas “a quen máis o necesita”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A portavoz de Agricultura e Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez, cualificou de “intolerable” e “incomprensible” o límite imposto polo goberno galego, que deixou fora das axudas a todos aqueles autónomos que non acadaran un mínimo de 10.000 euros de rendemento neto en 2021. Na realidade supuxo “deixar fóra á práctica totalidade das explotacións de vacún de carne de Galicia, vetando aos profesionais coas rendas máis baixas”.

Rodríguez sinalou que este límite fai das axudas deste Programa “unha medida meramente cosmética e electoralista” e demostra unha “terrible falla de sensibilidade” por parte dun goberno que, en troques de axudar a uns profesionais que a duras penas poden subsistir, o que fai é poñer un listón imposible de superar e lles nega as axudas nos peores momentos da crise.

A portavoz de Pesca, Patricia Otero, presentou unha iniciativa homóloga pero neste caso apuntando ás e aos profesionais da pesca de Galicia, e lembrou que o requisito das axudas do ano 2022 establecía que tiveran un rendemento neto de 10.000 euros no ano 2021, aínda con restricións de acceso na hostalería, cun impacto directo nos beneficios dos profesoinais.

Emprazou ao PP e ao goberno galego a “poñer cabeciña e algo de sentidiño e da xustiza” que o sector precisa para rectificar e articular unha liña de axudas eficaz. Criticou que o goberno galego “non lles permite ter futuro na súa actividade”.

Censurou que demostren “bastante máis sensibilidade coas grandes fortunas” ás que lles baixan os impostos mentres son “comprensivos” co salario de 400.000 euros do presidente dos empresarios. Reclamoulles que defendan ás mariscadoras “coa mesma rapidez” coa que saíron a defender a Garamendi.

As dúas parlamentarias esixiron unha “rectificación inmediata” das condicións de acceso ás axudas do Programa para permitir que cheguen aos profesionais que peor o están a pasar, ademais de ampliar as contías destinadas a paliar a suba de custes. O programa tiña un crédito de 30 millóns de euros e establecía axudas de entre 800 e 1.500 euros para quen puidera chegar ao mínimo esixido.