O vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou hoxe en Madrid nunha mesa redonda sobre o impacto e as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías no sector da xerontoloxía, encontro que se enmarca no IV Congreso Nacional de Dependencia e Sanidade clausurado esta mañá na capital do Estado.
A Deputación, como administración provincial, sinalou Rosendo Fernández, carece de competencias no ámbito da dependencia, “pero si ten competencia na asistencia aos pequenos concellos e, polo tanto, responsabilidade e compromiso coas persoas que neles residen, especialmente os maiores”. Neste contexto, compartiu cos asistentes a experiencia da Deputación de Ourense á hora de utilizar a tecnoloxía na xestión do programa de Termalismo Social, “un plan de envellecemento activo que axuda a retrasar a dependencia mellorando a calidade de vida das persoas maiores”.
Rosendo Fernández, que viaxou a Madrid acompañado polo director da área de Benestar, José Juan Cerdeira, estivo acompañado na mesa redonda por representantes de asociacións nacionais de maiores. Na súa intervención destacou a necesidade de analizar as achegas da tecnoloxía desde dúas perspectivas: o seu uso na relación entre a cidadanía e as administracións e como se utiliza para prestar servizos públicos. Polo que se refire ao primeiro aspecto puxo o foco na administración electrónica, “máis áxil, sen papeis nin desprazamentos e aberta as 24 horas do día”.
Non obstante, Fernández advertiu do risco da aplicación das tecnoloxías nos servizos públicos sen ter en conta que “para un grupo aínda importante de cidadáns, especialmente os maiores, xorden novas barreiras como a exclusión dixital”. A Deputación de Ourense, a través da área de Benestar e Reto Demográfico”, afirmou o vicepresidente primeiro, “é plenamente consciente deste risco e por esta razón apostamos por un modelo de dixitalización sen exclusión”.
Tecnoloxía para innovar no ámbito social
Tomando como exemplo o programa de Termalismo Social, do que tamén detallou o seu funcionamento e modalidades, Fernández explicou como todo o proceso de inscrición faise a través da administración electrónica, “pero sen deixar a ninguén en desvantaxe ou excluído por carecer dos coñecementos necesarios para realizar a tramitación dixital”. Así, engadiu, “as persoas interesadas en participar neste programa pioneiro de envellecemento activo poden recorrer aos traballadores sociais municipais, ás entidades colaboradoras de modo presencial ou telefónico, e mesmo solicitar axuda nos establecementos balnearios, que en todos os casos encargaranse de realizar o rexistro electrónico do beneficiario”.
“Sen tecnoloxía non poderíamos atender nestes once anos ás mais de 19.000 persoas que desfrutaron das augas mineromedicinais da provincia -declarou Fernández- e tamén sería imposible seguir innovando socialmente, como fixemos este ano poñendo en marcha unha modalidade: o termalismo contra a soidade non desexada”.
Tres días de análise e debate sobre dependencia
A mesa redonda na que participou o vicepresidente primeiro da Deputación foi unha das últimas actividades do IV Congreso Nacional Dependencia e Sanidade, que desde o luns reuniu en Madrid a preto de medio cento de expertos para falar, entre outras aspectos, dos novos modelos na atención sociosanitaria; saúde mental; viabilidade de servizos; as residencias de maiores e a mellora dos procesos de formación de profesionais.