Manuel Baltar defende no Día Mundial da Auga a contribución das cidades termais “a crear conciencia sobre a conservación deste prezado recurso”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, en calidade de presidente da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA), defende a contribución das cidades balnearias “a xerar un uso máis consciente da auga e crear conciencia sobre a conservación dese prezado recurso”. 

Nunha mensaxe difundida hoxe con motivo da celebración do Día Mundial da Auga, Manuel Baltar destaca o papel xogado pola auga “no desenvolvemento dos nosos pobos e rexións termais durante centos de anos”, polo que afirma que os membros da EHTTA poden axudar “ao uso e tratamento sostible deste recurso, favorecendo unha maior conciencia sobre a necesidade de mudar hábitos”.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Nesta xornada, instaurada polas Nacións Unidas en 1992, Baltar afirma que por toda Europa pódense atopar exemplos deste proceso de cambio, citando o uso da auga termal para quentar edificios e distritos, a aplicación de tratamentos que non acaben contaminando as concas fluviais, a elección de produtos que non conteñan microplásticos ou a reutilización das augas residuais para regar plantas e cultivos.

Tomando como referencia o lema desta celebración, “Acelerar o cambio”, Manuel Baltar pide traballar xuntos para “resolver a crisis mundial da auga e o saneamento”, o que tamén permitirá facer fronte a outros grandes problemas da humanidade como a saúde, a fame, as desigualdades de xénero, a falta de oportunidades educativas ou a falta de emprego.

Neste sentido, Manuel Baltar lembra que a EHTTA asinou o pasado ano a Declaración de Glasgow sobre a acción climática no turismo, “co obxectivo de facilitar aos nosos membros o acceso á xestión do coñecemento sobre a acción climática e o desenvolvemento sostible, ademais de fomentar a protección do medio natural e cultural nun marco de responsabilidade e colaboración entre os sectores público e privado”.

Así, e tamén como socia de apoio da Organización Mundial do Turismo, a EHTTA invita aos seus integrantes a “involucrarse en proxectos e traballar en estratexias relacionadas con estes temas, por suposto no uso responsable da auga, pero tamén na protección dos nosos recursos termais”.