Formoso reafirma en Ourense que “o noso pacto é unicamente coa cidade” para “devolverlle a dignidade”

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reafirmou hoxe o “compromiso do PSdeG coa cidade de Ourense”. Na presentación da candidatura de Francisco Rodríguez sinalou que “o único pacto vai ser cos ourensáns e as ourensás”.

Contrastou a solvencia de quen xa fora alcalde da cidade fronte ao “pacto da vergoña” entre Baltar e Jácome, que provocou que durante catro anos a cidade “protagonizara os peores escándalos en tódolos medios nacionais”. Aludiu así ás declaracións do presidente provincial do PP confirmando a súa disposición a reeditar o acordo con Jácome polo que lle cederon a alcaldía a cambio do apoio para presidir a Deputación.

AVANTAR ACTIVIDADES

Apuntou que nas próximas eleccións municipais os ourensáns e ourensás terán que “escoller entre ter de alcalde a Aníbal Lecter ou a Omar Montes”, en alusión ao disfraz escollido por Jácome no Entroido e ao concerto do cantante en Ourense, ou a “unha persoa solvente” como Rodríguez. Dixo que o candidato socialista “aspira a sentarse nos despachos dos ministros e das ministras para lograr os obxectivos de cidade”.

O líder dos socialistas galegos comprometeuse a “devolverlle a dignidade” a unha cidade que debe recuperar a “aspiración á que ten dereito calquera cidadán deste país”. Apostou por unha cidade que “volva respirar ilusión” e proxecto para manter “o talento dos máis novos” que hoxe están obrigados a marchar na busca de emprego.

Francisco Rodríguez

O candidato socialista subliñou a transcendencia das vindeiras eleccións municipais para o futuro da cidade, nas que “a única alternativa real é o PSdeG”, logo de constatar que o PP “non pode ser alternativa a si mesmo”. Criticou que os conservadores pretenden “pasar por enriba coma se non estiveran gobernando nos últimos 8 anos” primeiro en solitario e despois apoiando a Democracia Ourensana.

Advertiu que o PP ten unha “corresponsabilidade importante do que sucedeu nesta cidade” durante a última etapa, e comprometeuse a “traballar para acadar o apoio posible por parte dos cidadáns para empezar a reconstruír esta cidade”. Sinalou que “non se poden perder máis oportunidades para proxectala de cara ao futuro, polo ben de tódolos cidadáns e cidadás”.