Marina Ortega alerta de que “o sistema de coidados non está preparado para o que ven os próximos anos” e propón a apertura de novas prazas públicas en residencias e recursos para que os maiores poidan residir nos seus fogares
Santiago de Compostela, 05 de maio de 2023. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamoulle hoxe á Xunta que aproveite que conta co orzamento máis alto da historia e a chegada de fondos europeos para abrir prazas públicas en residencias para maiores ou dependentes. A responsable socialista lamentou o voto en contra do PP a esta iniciativa que presentou na Comisión de Sanidade e Política Social do Parlamento.
Ortega acusou ao PP e ao goberno galego de “negar a realidade” das eivas nas prazas de maiores que puxeron de manifesto primeiro o Consello de Contas e despois a Fiscalía de Ourense, cando alertaba de que a Xunta non corrixira as deficiencias neste servizo. Alertaban de que empregaban demasiado os medios de suxeición mecánica dos residentes, o incumprimento das rateos de persoal e a falla de inspeccións por parte do goberno galego.
Ironizou con que que o goberno galego estea vendendo melloras tecnolóxicas cando fallan prazas, e advertiu que “a unha persoa maior que leva 5 anos agardando dálle a risa cando lle falan do robot Copito”, que presentou recentemente o goberno galego.
Alertou de que a día de hoxe “nin tan sequera temos prazas suficientes para a demanda que temos”, ata o punto de que Galicia está “saíndo nos medios de comunicación a nivel nacional porque non temos prazas residenciais” e alertou pola falla de axudas por coidados aos familiares. Responsabilizou desta situación aos recortes impostos polo goberno de Rajoy en 2012 cando “desangrou a Lei da Dependencia”, que agora está recuperando o goberno de Pedro Sánchez.
Tamén criticou o cambio por parte da Xunta “de oficio” das solicitudes de axudas por coidados de pais, nais e fillos con dependencia no fogar polo Servizo de Axuda no Fogar “que pagan na súa maioría os concellos e os usuarios”, mentres o goberno galego está “máis preocupado de aforrar recursos que de mellorar a atención”.
A parlamentaria socialista reclamoulle hoxe á Consellería de Política Social o “incremento significativo” destas prazas residenciais “en función da poboación diana e o desequilibro territorial que existe en Galicia, previo informe sobre o número de prazas dispoñibles na actualidade”. Tamén reclamou recursos “que permitan ás persoas maiores residir nos seus fogares”.