A romaría Raigame volve a situar a Vilanova dos Infantes como o centro etnográfico de Galicia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A XX edición da romaría foi presentada esta mañá na Deputación de Ourense, institución organizadora xunto co Concello de Celanova

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Na presentación do programa de actividades de Raigame, o deputado de Cooperación, Pablo Pérez definiu esta cita coma “a romaría etnográfica máis importante de Galicia e un piar fundamental da celebración das Letras Galegas; unha reivindicación cultural que é central na acción de goberno da Deputación de Ourense”. 

Antonio Puga explicou os vencellos históricos entre os canteiros e Celanova  e destacou a calidade dunha romaría que contará con 107 postos e unhas corenta actividades

O premio Adolfo Enríquez deste ano será outorgado ao escultor Xosé Cid. Ademais, esta mañá tamén foi presentado o novo número da revista Raigame, adicado á figura de Elixio Rivas

Ourense, 10 de maio de 2023.- A romaría etnográfica Raigame volve, un ano máis, a Vilanova dos Infantes o próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas, con todas as súas habituais actividades lúdicas e culturais, dedicando a súa XX edición á figura dos oficios dos canteiros -cando se cumpren 100 anos da declaración de monumento nacional da Capela de San Miguel- e coa entrega do premio “Adolfo Enríquez” ao escultor Xosé Cid. 

O programa da romaría foi presentado esta mañá na sala de prensa do Pazo Provincial coa presencia do deputado de Cooperación, Pablo Pérez; o alcalde de Celanova, Antonio Puga; o director da revista “Raigame”, Xulio Fernández; e Xavier Álvarez, membro do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e secretario da revista “Raigame”.

Pablo Pérez definiu a Raigame como “a romaría etnográfica máis importante de Galicia e un piar fundamental da celebración das Letras Galegas; unha reivindicación cultural que é central na acción de goberno da Deputación de Ourense”. 

O deputado tamén destacou a colaboración institucional entre o Concello de Celanova e a Deputación -“que fai realidade unha festa máxica, cunha excepcional cifra de visitantes e unha altísima calidade”-, ademais de agradecer a labor dos traballadores da administración local e provincial. Unhas verbas ás que se sumou o rexedor celanovés, que situou a cooperación como “mostra de unión e fortaleza, chave para que Raigame prospere ano a ano”. 

Antonio Puga tamén explicou os vencellos históricos entre os canteiros -protagonistas desta edición de Raigame- con Celanova, antes de destacar a calidade dunha romaría que contará con 107 postos e unhas corenta actividades. 

Dende a organización, Xavier Álvarez explicou os detalles do “amplo programa vencellado co mundo do ‘arghina’ (canteiro na súa fala) consistente en exposicións, demostracións, obradoiros e proxeccións que nos permitirán saber máis sobre este oficio tan noso e que tanto recoñecemento e prestixio ten alén das nosas fronteiras”. 

Sobre o premio a Xosé Cid, a organización explica que “nos seus inicios comezou como canteiro e que foi evolucionando até sen converter nun dos artistas máis recoñecidos da nosa provincia”.

Unha viaxe a comezos do século XX

Dende as 11,00 ata as 19,00 horas, Vilanova acollerá, ademais dos tradicionais postos artesanais, actividades de gastronomía, música, baile e teatro de rúa que permitirán viaxar a comezos do século XX, mostrando ademais os oficios da época e mesmo recreando a sociedade do momento a través da vestimenta.

Oficios como teares, fotógrafos, xoieiros, vidreiros, talleres de música tradicional, carpinteiros e zapateiros entre moitos outros, ambientarán as rúas da vila na que se darán tamén cita grupos de música, baile e teatro, ademais de celebrar concurso de fotografías, micro videos e, como novidade este ano, un certame de decoración das vivendas de Vilanova dos Infantes. 

A organización sinala que as actividades previstas, con demostracións de artesáns, gastronomía, contacontos, monicreques, os danzantes da Virxe do Cristal, a Banda de música de Vilanova e moitas outras iniciativas farán, unha vez máis, que a “Romaría Etnográfica Raigame se converta nunha festa da cultura tradicional galega”.

Novo número da revista “Raigame”

Na rolda de prensa de hoxe tamén se presentou o número 49 da revista “Raigame”, adicado a Elixio Rivas, medalla de ouro da provincia de Ourense e falecido en 2022. “Un legado inmenso, con medio centenar de libros e numerosas colaboracións”, resaltou Xulio Fernández, que repasou os fitos do traballo de Rivas, como o Museo dos Devanceiros ou a posta en valor da Vía da Plata. 

Toda a información sobre Raigame na súa web: http://www.raigame.gal