O BNG de Leiro propón que a Xunta asuma a xestión e explotación do balneario de Berán

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Leiro presentou unha moción para o seu debate no vindeiro pleno na que insta ao goberno local a iniciar negociacións inmediatas coa Xunta de Galicia para que sexa a administración autonómica a que asuma a xestión e explotación do Balneario de Berán. Segundo a formación nacionalista, tras anos de intentos infrutuosos por atraer empresas privadas —o último deles o pasado xullo de 2025, que quedou deserto—, o modelo de xestión indirecta demostrou estar “completamente esgotado”.

A concelleira do BNG, Rebeca Paz Vázquez, subliñou que o termalismo debe ser tratado como unha “competencia de interese autonómico e un servizo de saúde pública”, e non como un negocio inmobiliario que depende da vontade de empresas privadas que non aparecen. “Malia os máis de 400.000 euros de investimento público da Deputación de Ourense, o balneario segue pechado e as instalacións deteriorándose pola falta de uso e mantemento”, sinalou Paz.

Dende o BNG analizan con preocupación as novas condicións do concurso para este ano 2026. A formación considera que as modificacións
introducidas polo goberno local son “unha proba de desesperación”. O novo prego elimina o canon variable do 0,5% e establece un período de carencia de dous anos no que a empresa adxudicataria non pagará nada á Entidade Menor. “Vostedes están tentando ‘mercar’ a vinda dunha empresa a costa de baleirar as arcas públicas e regalar o noso patrimonio”, denunciou a concelleira nacionalista. “Eliminar o canon e dar dous anos de balde é recoñecer que o modelo privado non é rendible tal e como o propoñen. É un modelo que nace acabado e que só serve para gañar tempo mentres o edificio segue podrecendo”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O BNG mantén que a única saída estable e con garantías de futuro é a integración do balneario na rede de termalismo social e sanitario da Xunta de Galicia (Axencia de Turismo e Consellería de Sanidade). Por este motivo, os nacionalistas anunciaron que, aínda que se manterán vixiantes ante o novo concurso, non aceptarán máis “parches” se este volve fracasar. “Berán merece valentía política e un proxecto de país, non seguir mendigando por un milagre empresarial que nunca chega. Se este concurso volve quedar deserto, a única vía será a xestión pública directa”, concluíu Rebeca Paz.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------