Pablo A. Guillén: “Benvida ao novo Presidente da Deputación”

Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid.

Curriculum de Pablo Álvarez Guillén:

AVANTAR ACTIVIDADES
Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo, pola Universidade  Politécnica de Madrid, na Especialidade de Economía Agraria. Consultor  medioambiental especialista en ecoloxía aplicada e en servizos  ecosistémicos.

O pasado día 17 de xullo celebrouse a sesión extraordinaria do pleno da Deputación de Ourense, na que tivo lugar a constitución da Corporación Provincial para o mandato que abarcará desde este ano 2023 ata o 2027 e nomeouse Presidente a Luis Menor Pérez. Benvindo.

A nosa provincia conta con 92 municipios de diferentes características e con problemáticas distintas, o que requirirá a aplicación de solucións estratéxicas específicas para cada un deles, pero todas deben ter un vínculo común, a sustentabilidade.

O Carballiño, un dos municipios máis importantes da provincia, presenta importantes insuficiencias en materia de sustentabilidade económica, social e ambiental, que aínda que se dan no noso municipio, polo carácter xenérico da problemática, afectan tamén a toda ou a unha boa parte da provincia.

No que se refire á sustentabilidade económica, destaca a Ampliación do Polígono industrial do Carballiño, nos concellos de Maside e Carballiño, incluida dentro da “Modificación puntual núm. 2 do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia”, promovida pola Xunta.

Trátase dunha nova superficie industrial de 123 ha, situada en terreos lindeiros coa Estación do ferrocarril da liña A Coruña – Ourense – Zamora e coa autovía AG-53, que unida á xa existente daría lugar a un gran complexo industrial de máis de 2.500.000 m2, o que a convertería na cuarta maior superficie industrial de Galicia.

Así mesmo, o denominado Porto Seco de Monforte de Lemos, que foi presentado en xullo de 2001, por parte dos presidentes do Estado e da Xunta, inaugurado fai algo máis de sete anos e que, transcorridos máis de 20 anos desde a data de presentación, atópase paralizado, en gran medida, polos condicionantes estruturais que ten.

Neste contexto estratéxico, o novo Polígono industrial de Carballiño tería todas as papeletas para converterse no Porto Seco do interior de Galicia.

Non cabe dúbida de que un Proxecto desta envergadura ten unha transcendencia decisiva no futuro socioeconómico da comarca do Carballiño e da provincia en xeral, e tamén de que este tipo de intervencións son as que se necesitan para corrixir o desequilibrio que padece a zona oeste da provincia de Ourense nesta materia.

Por outra banda, estes días os medios de comunicación de Galicia están a facerse eco da transcendencia que ten non dispoñer do Corredor Atlántico de mercadorías por ferrocarril integrado na Rede Transeuropea de Transportes.

En principio, parece ser que se apostou por conectar á nosa Comunidade a través da liña de Monforte – León – Venta de Baños (Valladolid). Pero a liña de Monforte é unha vía que conta con poucas circulacións de mercadorías e a súa infraestrutura ten as limitacións técnicas do século XIX. Mentras que a alternativa do trazado ferroviario Ourense-Zamora-Medina del Campo é unha infraestrutura máis moderna.

Con todo, a realidade é que de forma efectiva aínda non foi integrado ningún  trazado no corredor que xestiona o consorcio Atlantic Corridor. É e máis, o documento Mercadorías 30, elaborado polo Ministerio de Transportes en maio de 2022, non contempla entre os corredores prioritarios ningún no noroeste da península ibérica.

Asimesmo, a liberación do tráfico de trens de pasaxeiros coa apertura da liña de alta velocidade no 2020 suxire a existencia dun escenario que entraña o risco dunha futura desaparición, máis que probable a medio prazo, da liña Ourense – Zamora

Deste xeito, nin que dicir ten que neste contexto planificador a provincia de Ourense xógase unha boa parte do seu futuro. Se morre a Liña Férrea Ourense – Zamora, dalgunha maneira morre unha parte da provincia de Ourense.

Neste contexto, a elección da liña Ourense – Zamora como Corredor Atlántico de mercadorías integrado na Rede Transeuropea de Transportes, e a consolidación da Ampliación do polígono industrial do Carballiño como o Porto Seco de Galicia, non só constituiría un extraordinario revulsivo para o desenvolvemento socioeconómico da comarca, que tamén, senón que o convertería nun importante polo estratéxico de xeración de emprego, riqueza e benestar social con repercusión en toda a provincia de Ourense.

Trátase de non deixar pasar unha oportunidade histórica para impulsar o desenvolvemento económico da provincia de Ourense, de contribuír a contrarrestar o despoboamento do rural no interior de Galicia, que ha Deputación Provincial debe capitanear.

No tocante a sostenibilidad social, a repartición de fondos realizado pola Deputación Provincial é outra cuestión trascendental para o concello de Carballiño.

O orzamento da Deputación para este ano ascende a preto de 91 millóns de euros, dos cales algo máis do 80% consómese nos gastos de funcionamento ordinario da institución, é dicir, os gastos correntes e de persoal. Ademais, a Deputación ten un aforro acumulado de 63 millóns de euros que tamén ten a súa disposición o novo Presidente.

No actual sistema de repartición fondos no que as subvencións son nominativas, é dicir, dixitais, e non me estou referindo ao emprego das novas tecnoloxías, a discrecionalidade ten unha compoñente moi destacada, polo que se pode pensar que este sistema pode dar lugar ao favoritismo.

Carballiño con 13.932 habitantes, despois da capital, é o concello máis poboado da provincia, polo que debe ter un trato proporcionalmente similar, tendo en conta ademáis que nos últimos anos vironse intensificados os convenios de cooperación e os investimentos provinciais no concello de Ourense, e que é na capital onde a Deputación ten a súa sede central (o Pazo Provincial), o seu centro cultural (o Marcos Valcárcel), o seu teatro (o Principal) e o seu gran pavillón polideportivo (o Paco Paz).

O agravio comparativo acada tal magnitude que Concellos da nosa contorna moito máis pequeños, que teñen a sexta ou a décima parte de poboación que Carballiño, reciben anualmente da Deputación unha maior cantidade de diñeiro que este, e algún deles bastante máis.

Segundo noticias aparecidas en prensa, os alcaldes socialistas e nacionalistas da provincia esixirían un plan único de repartición de fondos, no que cada concello saiba no principio do ano canto diñeiro terá, como teñen as outras tres deputacións provinciais de Galicia. Mentres que os alcaldes populares, apostan pola continuidade da senda da cooperación e piden que se blinde a axuda aos concellos pequenos (La Región 17.07.2023).

Ambolos dous criterios poden ser asumibles. Nese caso, haberá que ter en conta que se a repartición única de fondos se fai só con criterios de poboación seguirá aumentando a brecha entre a capital e o resto dos municipios, e dentro destes, tamén entre os máis grandes e os de menor tamaño, polo que cabería aplicar un plan único de repartición de fondos con criterios correctores en forma de discriminación positiva a favor dos concellos máis pequenos e con menos habitantes.

No que atinxe a sostenibilidad ambiental, dous son os temas que revisten especial importancia no concello de Carballiño, a xestión do lixo e a adaptación ao cambio climático.

A Deputación presta servizos intermunicipais de recollida de residuos sólidos urbanos, en competencia delegada, aos 50 concellos dá provincia adheridos a un convenio marco. Os servizos préstanse as fraccións seguintes: envases lixeiros, papel-cartón, envases de vidro e resto. Nestes momentos o concello de Carballiño estuda a renuncia á adhesión ao convenio.

Sen entrar a valorar a calidade do servizo prestado aos municipios adheridos, se será conveniente analizar o grao de cobertura que debería prestar.

A nova Lei de Residuos (Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e chans contaminados para unha economía circular), entre outras cousas, establece que aqueles concellos con poboación superior a cinco mil habitantes tiñan que haber implantado a separación de biorresiduos de orixe doméstica fai máis dun ano e o resto antes do 31 de decembro deste ano.

A situación actual é que os once municipios dá provincia, de máis de 5.000 habitantes, case o 65% do total dá poboación incumpren a lei, e o resto leva un camino parecido.

A Xunta de Galicia rematou recentemente a construcción dunha planta de compostaxe en Verín con capacidade para dar servicio a 24 municipios da súa contorna, que totalizan unha poboación duns 48.000 habitantes, pero que, segundo as información da Consellería de Medio Ambiente, non entrou en funcionamento porque os concellos non están enviando os biorresiduos que producen os seus veciños (Faro de Vigo 15.08.2023).

É dicir, segundo a devandita información, o día que entre en funcionamento esta planta os restantes 256.000 habitantes da provincia, o 84% dos ourensáns, non saberían cando poderán exercer o seu dereito a separar a fracción orgánica dos residuos que producen.

Pero sobre esta mesma cuestión no Plan de Xestión de Residuos Municipais 2023 – 2030 de Galicia (PXRMG), actualmente en información pública, recóllese que a planta de compostaxe de Verín, con só unha capacidade de máxima de tratamento de 4.600 t/ano (3.000 t/ano sen estruturante), presenta unha área de influencia que comprende prácticamente a toda a provincia de Ourense e á área de Monforte de Lemos, como se aprecia na imaxe adxunta.

Agora ben, utilizando os datos do PXRMG, referidos a evolución prevista da poboación e da recollida selectiva neta de fracción orgánica en Galicia, para o ano 2025, só para dar servizo ao concello de Ourense, faría falla unha planta co dobre da capacidade prevista en Verín. Pero ademáis, non hai que esquecer que para levar os residuos urbanos orgánicos dende Carballiño a Verín hai que percorrer case 100 quilómetros, un verdadeiro despropósito medioambiental.

Como se pode ver, o estado da xestión da fracción orgánica dos residuos domésticos na provincia de Ourense é moi deficitaria, ata o punto de que a maioría dos seus habitantes carecen deste servicio e, o que é máis grave, que non se sabe cando poderán dispoñer del.

Por outra banda, tamén se descoñece se a Deputación ten prevista unha planificación para facilitar que tódolos concellos poidan cumplir, en menos de ano e medio, a obrigación de implantar a recollida separada dás fraccións de residuos (téxtiles. aceites de cociña usados, residuos domésticos perigosos e residuos voluminosos).

Como se pode ver, a xestión do lixo na provincia de Ourense encontrase nunha situación delicada e a Deputación está chamada a xogar un papel importante para resolver esta complicada problemática.

Outra cuestión de sumo interese é a loita contra o cambio climático. O municipio de Carballiño, igual que os do resto da provincia, vese afectado polos efectos do cambio climático, neste caso especialmente no que se refire aos períodos de seca e ás inundacións.

Desde hai anos a Deputación de Ourense vén formando parte da Rede Española de Cidades polo Clima. Coa súa adhesión asumiu os compromisos adoptados na Conferencia de Aalborg + 10, celebrada en xuño de 2004 e que desenvolven os principios básicos da Carta Europea de Cidades e Pobos Sostibles.

A Deputación presentou recentemente o Plan de Mandato 2027 que consta de 100 medidas transformadoras para o territorio. Entre as medias que contempla destacan algunhas que polo seu carácter están estreitamente ligadas coa loita contra o cambio climático:

  • Dixitalización do ciclo da auga.
  • Planta de transformación de residuos orgánicos.
  • Proxectos estratéxicos comarcais.
  • Programa de impulso ás producións sostibles.
  • Estratexia provincial de sustentabilidade enerxética e impulso ás comunidades enerxéticas.
  • Potenciación do Centro Integral da Loita contra o Lume.

Para que estas medidas sexan realmente efectivas é necesario que non se convirtan en actuacións illadas, si non que formen parte dunha política integral. Por exemplo, a construcción dunha planta de transformación de residuos orgánicos na Limia e potenciación do Centro Integral da Loita contra o Lume son dúas medidas con deben ir xunguidas con outras accións dun eixo para a protección e conservación do chan fronte aos riscos derivados do cambio climático, de maneira que se poidan aproveitar e potenciar os efectos sinérxicos entre elas.

Por iso, é necesario elaborar un marco estratéxico de referencia que integre os riscos derivados do cambio climático na planificación e xestión das políticas sectoriais. É dicir, é necesario elaborar unha estratexia provincial de mitigación e adaptación ao cambio climático.

Neste mesmo sentido, tamén cabe lembrar que a Lei 7/2021 de cambio climático e transición enerxética, no seu Artigo 21, a efectos da súa adaptación ás repercusións do cambio climático, establece que a planificación territorial perseguirá, na súa elaboración, entre outros obxectivos, principalmente, a consideración dos riscos derivados do cambio climático.

Por último, recordar que aínda que é certo que o reto do cambio climático ao que nos enfrontamos adquire unha dimensión global, non é menos certo que a maior parte das medidas e accións para combatelo, planifícanse e executan a nivel local, baixo a recorrido lema “pensa globalmente, actúa localmente”. Por iso, a Deputación de Ourense constitue un espazo vital para articular e impulsar as políticas na loita contra o cambio climático, como ben recordou o novo Presidente na súa toma de posesión.

O dito: Presidente, benvido, e moita sorte. Porque, en boa medida, a súa sorte tamén será a de moitos ourensáns.



Outros artigos de Pablo Álvarez Guillén:

Pablo A. Guillén: “Consolidar o éxito da Festa do Pulpo”

Pablo A. Guillén: “A maior Romaria de Galicia “

Pablo A. Guillén: “Carballiño 14.000 + 13.000″

Pablo A. Guillén: “A obrigación de pagar pola xestión do lixo ”

Pablo A. Guillén: “Unha ferramenta para artellar acordos”

A “Parada de Autobús Intermodal”

O plan especial de seca: un plan moi especial

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (VIII): “planificación urbanística e ordenación territorial”

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (VII): “mobilidade segura e confortable”

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (VI): avanzar na aplicación dos principios da economía circular

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (V): As infraestruturas verdes.

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (IV): A auga, ese ben escaso e moi valioso

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (III): Sen contaminación lumínica nin electromagnética

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (II): Gozar dunha atmósfera saudable

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (I): Gozar de confort sonoro

Otras consideraciones medioambientales para la ampliación del Polígono Industrial

Las alternativas para la ampliación del polígono industrial

La ampliación del polígono industrial en información pública

Ahorro de energía en el alumbrado público

Ahorro energético en comunidades de vecinos

Sequía y agua de boca

El protocolo de colaboración para el nuevo Centro de Salud

Chega o contedor de lixo de cor castaño ás nosas rúas

Un Centro de Salud amigable en un Carballiño saludable

Carballiño: Puerto seco de Galicia

Las claves medioambientales y sociales para la ampliación del Polígono Industrial

La ampliación del Polígono y el Paisaje

La ampliación del Polígono y el ciclo hídrico

La ampliación del polígono y el patrimonio natural

Consideraciones sobre el agotamiento de suelo empresarial

El poligono industrial de Maside

Síntese do modelo urbano “Carballiño Saudable 2030”

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (1) aspectos xerais da mobilidade urbana

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (2) Itinerarios de preferencia peonil.

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (3) Reordenar a configuración do tránsito motorizado

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (4) Coser o tecido urbano norte sur (I)

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (5) Coser o tecido urbano norte sur (II)

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (6) Gañar funcionalidade na “Avenida”.

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (7) Achegar o parque ao centro urbano